Segundo relataron aos xornalistas de La Voz algúns pasaxeiros, o tren, no que viaxaban 225 persoas, circulaba a moita velocidade e ao alcanzar a curva da Grandeira un dos vagóns saltou polo aire e incluso superou o talude que separa as vías do tren. Finalmente seis vagóns quedaron dun lado da ponte e outros catro do outro lado, ademais da máquina. A pesar das cortinas de fume e os incendios rexistrados en varios dos vagóns, os pasaxeiros do Alvia aseguran que non se rexistrou ningunha explosión.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos da Policía Nacional, Local, os bombeiros e máis dunha decena de ambulancias medicalizadas. Os corpos e forzas de seguridade do Estado están a empezar a organizarse para atender ás vítimas. Os veciños da zona están a colaborar ofrecendo mantas e as súas vivendas para axudar aos pasaxeiros feridos. De feito, algúns están a desprazar feridos nos seus vehículos particulares ata os centros sanitarios, para colaborar co resto de efectivos.
A zona, de difícil acceso, está totalmente acordoada mentres os equipos de urxencia traballan na excarceración dos pasaxeiros que aínda seguen no interior dos vagóns accidentados. As autoridades piden que se evite circular pola zona para non complicar os labores dos servizos de urxencia. Protección Civil e bombeiros tiveron que levantar á pulso un coche que non permitía que circulasen as ambulancias.
Por agora, non hai datos oficiais sobre o número de vítimas pero testemuñas presenciais confirman que o accidente xa se cobrou máis dunha vintena de vítimas mortais. Desde o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago precisaron que o número de persoas feridas que foron trasladados ás súas instalacións rolda o medio centenar.
Para información sobre as posibles vítimas do accidente habilitouse o número de teléfono 981551100 e os servizos sanitarios fan un chamamento para que todo o que poida doe sangue.
No hay comentarios:
Publicar un comentario