jueves, 6 de diciembre de 2012

O medio rural galego ergue a voz en Bruxelas

Dous días de debate e confrontación de ideas fronte a unha reforma histórica que afectará de maneira significativa ao medio rural galego. Arredor dunha trintena de representantes galeg@s pertencentes ao sector lácteo, vitivinícola e gandeiro toman parte do seminario: "Análise do impacto da reforma da PAC en Galiza" perante a mudanza das políticas agrarias europeas de cara ao vindeiro período 2014-2020.

Neste senso, e por vez primeira na historia dos cincuenta anos da PAC, o Parlamento europeo posúe capacidade de co-decisión na lexislación agraria --conxuntamente co Consello-- polo que a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, vén de organizar estas xornadas á fin de elevar a "posición galega de maneira directa" ás institucións comunitarias pois, segundo asegurou en conferencia de imprensa, "as propostas son decisivas" neste momento en que se está a desenvolver o debate sobre os borradores presentados pola Comisión.

Entre a delegación chegada a Bruxelas atópanse importantes académic@s especializad@s no sector --a máis de produtor@s, cooperativistas e sindicalistas agrarios. Nomes como Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da USC e director xeral de Desenvolvemento Rural no goberno bipartido; Antonio Oca Fernández, enxeñeiro técnico agrícola e director xeral de Produción, Industrias e Calidade Alimentar entre 2005 e 2009 ou Ermitas Rodríguez Gómez, gandeira e membra da Asociación de creadoras de ovino e caprino de Galiza-Óvica, foron algúns dos nomes que expuxeron as principais preocupacións do sector agrario galego fronte as consecuencias que a reforma da PAC deixará a Galiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario