sábado, 10 de noviembre de 2012

A Folga Xeral do 14N botarase ás rúas con once manifestacións en Galiza


Once manifestacións percorrerán as principais cidades e vilas do noso do noso país o vindeiro 14 de novembro. A xornada de Folga Xeral botarase ás rúas con mobilizacións que as centrais sindicais convocantes prevén masivas. As marchas --que amais de nas sete cidades realizaranse en Vilagarcía, Burela, Ribeira e Monforte-- servirán para retratar a xornada de paro.

A manifestación central será a de Vigo. Nela participarán os tres secretarios xerais da CIG, CCOO e UGT en Galiza, acompañados de numerosas organizacións sociais, estudantís e políticas. Como informou Sermos Galiza o percorrido será diferente aos tradicionais, que acostumaban concluír ben na Porta de Sol ou diante do Edificio da Xunta no Areal da cidade olívica. Desta volta a manifestación encetará desde a Praza dos Cabalos e descenderá pola Gran Vía para remataren na Praza de América.

Os sindicatos convocantes pretenden deste xeito favorecer unha mellor visibilización das decenas de milleiros de persoas que prevén farán parte dunha nova macromanifestación en Vigo. Días atrás, o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, sinalaba ao respecto que as centrais sindicais constaban “que o percorrido tradicional quedaba raquítico para acoller manifestacións tan numerosas como as que se están a suceder na cidade”. Afirman agardar unha participación de arredor de cen mil manifestantes.

Aliás, as manifestación pretenden servir de plataforma para “denunciar a pretensión do capital de precarizar as condicións laborais e de vida da clase traballadora” apuntan desde a central nacionalista, denunciando a intención de “reducir até nun 25% os salarios”. O obxectivo é, afirman, premer socialmente “para forzar un cambio de rumbo” das políticas ditadas polo Goberno español, que segundo afirman “profundan a crise, paralizando a produción, destruíndo o emprego e derrubando os servizos públicos”.

Horarios e lugares das manifestacións

Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza dos Cabalos até a Praza de América.
A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.
Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.
Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería até a Subdelegación do Goberno.
Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.
Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.
Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.
Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella
Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre até a Praza do Concello
Ribeira: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.
Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/economia/a-folga-xeral-do-14n-botarase-as-ruas-con-once-manifestacions-en-galiza/20121110140618007473.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario