sábado, 10 de noviembre de 2012

A CRTVG quedará en mínimos o 14N


Durante a xornada de Folga Xeral os servizos mínimos da CRTVG non excederán o 15% do persoal promedio e os informativos reducirán a súa duración até só 20 minutos. Así se recolle nun acordo histórico entre a compañía e o seu Comité de Empresa. O mesmo permitirá que “por vez primeira, se visualice nos medios públicos galegos o seguimento dunha folga xeral” apuntan desde as organizacións sindicais. O persoal asignado a servizos mínimos só estará obrigado a “levar a cabo as tarefas vinculadas aos servizos esenciais para os que foron asignados”.

Xa que logo, as canles de televisión e máis de radio públicas do noso país ficarán en mínimos o próximo 14 de novembro. Neses mínimos inclúese a produción e emisión de programas informativos, “limitándose a inclusión de noticias que sexan de actualidade e teñan a inmediatez necesaria para garantir o dereito á información”. Tamén serán “contidos mínimos” aquelas declaracións ou comunicados oficiais que sexan de “interese público esenciail” ou que se sucedan ao longo da xornada de paro.

A programación alternativa pactada incluirá a redifusión --que será identificada de xeito expreso-- de filmes, documentais ou programas xa emitidos, así como a emisión dos programas “Era visto” e “Larpeiros”, por teren sido gravados con anterioridade.

Á medianoite do 14 a pantalla da Televisión de Galiza proxectará unha sobreimpresión co texto “TVG, RTG e CRTVG.es poderían emitir hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga”. Referencia que tamén se pasará ao inicio e fin de cada programa alternativo, durante polo menos un minuto. No caso da radio, unha locución informará de que “TVG, RTG e CRTVG.es están emitindo hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga xeral”. Un banner fará o propio nos medios web da compañía.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/economia/a-crtvg-quedara-en-minimos-o-14n/20121110143732007475.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario