viernes, 9 de noviembre de 2012

A Fiscalía volve criminalizar a acción sindical perante o recurso á condena de prisión a tres sindicalistas en Pontevedra


Esta quinta feira tivo lugar na Audiencia Provincial de Pontevedra unha vista na que se abordou o recurso presentado pola defensa dos tres sindicalistas condenados a tres anos de prisión pola súa participación na folga do comercio de 2009. No decorrer da sesión a fiscalía insistiu en criminalizar a acción sindical ao soster que os condenados, dous sindicalistas da CIG e un de CCOO, coaccionaron ás e aos traballadores dun supermercado. Porén, en ningún testemuño das traballadoras perante no xuízo celebrado en xuño se ratificaba esa acusación, mesmo negando teren sido vítimas da referida coacción.

En troques, desde a defensa púxose de relevo que “as conclusións recollidas polo xuíz na sentenza non se corresponden coas afirmacións das testemuñas feitas no xuízo penal”. Na sesión escoitáronse de novo algunhas das súas declaracións. Os avogados defensores criticaron con dureza a sentenza e afirmaron que “resulta imposíbel responsabilizar dos feitos denunciados a calquera dos tres condenados atendendo unicamente ás declaracións das testemuñas”.



Asemade, os condenados reiteraron que o único que fixeron nesa xornada foi informar ás traballadoras da convocatoria de folga e do seu dereito a a secundar.

Compañeiras e compañeiros dos condenados e máis os secretarios xerais da CIG, CCOO e UGT de Galiza, estiveron presentes na vista para expresar a súa solidariedade e apoio. Ás portas da Audiencia, Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, manifestaba que “só unha persoa que vive fóra da realidade pode pensar que os traballadores/as teñen liberdade por parte das empresas para escoller secundar unha folga ou non”.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/economia/a-fiscalia-volve-criminalizar-a-accion-sindical-perante-o-recurso-a-condena-de-prision-a-tres-sindicalistas-en-pontevedra/20121109121342007425.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario