martes, 30 de octubre de 2012

Deteñen en Ferrol a dous presuntos membros de Resistencia Galega




A Policía detivo esta noite, pasadas as 23:05 horas, en Narón e Neda, a dous presuntos membros da organización terrorista Resistencia Galega. Os axentes rexistraron os seus domicilios e incautáronse de diverso material informático e axendas con datos de utilidade para a investigación.


Os detidos, que segundo o Ministerio do Interior estarían vinculados ao aparello de financiamento deste grupo terrorista, son Julio César Sayans Suárez, alias Xulio, de 33 anos e de Santiago de Compostela, e Silvia María Casal Sabín, ferrolá de 35 anos.


Unha das vivendas rexistradas está situada nunha barriada tranquila e familiar de Narón, unha localidade limítrofe con Ferrol, mentres que a casa de Neda era un inmoble aínda en construción no centro histórico da vila, segundo precisaron a EFE fontes da investigación.

Estas detencións, xunto coas practicadas o pasado 16 de setembro de cinco membros desa organización terrorista, supuxeron un importante golpe á estrutura de Resistencia Galega.

Julio César Sayans Suárez desempeñaría na actualidade un dos papeis principais e de dirección no aparello de financiamento de Resistencia Galega, e era o encargado de realizar as recadacións comarcais de aprovisionamento de fondos que con posterioridade serían derivados aos máximos responsables da organización na clandestinidade e que servirían á súa vez á compra e abastecemento de sustancias químicas coas que confeccionar novos artefactos explosivos.

Os dous presuntos membros de Resistencia Galega pasarán a disposición xudicial moi probablemente en Madrid nas próximas horas.

Segundo o Ministerio do Interior, estas detencións son consecuencia da operación levada a cabo o 30 de novembro de 2011, na que foron detidos seis membros de Resistencia Galega e que culminou coa incautación de catro artefactos explosivos de gran potencia, integrados con todos os compoñentes necesarios para facer explosión, ademais de abundante material informático.

Noticia orixinal: http://www.galiciae.com/nova/206930.html?lang=gl

No hay comentarios:

Publicar un comentario