miércoles, 13 de marzo de 2013

Máis de 65.000 emigrantes amortecen o paro xuvenil en Galicia dende o inicio da crise


Un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos abandonaron Galicia entre 2002 e 2011. Foron dez anos nos que se produciu o tránsito da chamada bonanza económica á actual crise e neles 102.019 galegos e galegas mozos optaron por probar sorte noutra autonomía e 22.826, noutro estado, segundo os datos da estatística de variacións residenciais do INE recollidos polo Instituto Galego de Estatística. De todas estas emigracións un total de 65.528 producíronse dende o ano 2007, considerado o do inicio da crise, e o 2001, último dato dispoñible nas bases de datos do IGE. Durante este tempo a taxa de paro non deixou de medrar, ata acadar o 17,4% ao remate de 2011 e o 20,7% na fin de 2012. Que relación hai entre ambos datos?


Este mesmo mércores, no marco da sesión de control no Parlamento, o presidente da Xunta era cuestionado a respecto de ambos dato no que atinxe á mocidade. A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, reprochoulle a Feijóo que en apenas catro anos "perdemos a máis do 16% da poboación entre 16 e 30 anos", unha circunstancia "máis propia dun país despois dunha catastrofe bélica" que dun territorio "normalizado". "Que medidas vai tomar vostede para frear esta derrota demográfica?", cuestionou a parlamentaria.

O presidente "coincide" na "gravidade do problema do paro, con especial intensidade, do paro xuvenil", se ben o líder popular coida que cómpre pór o acento en que Galicia é "a comunidade coa quinta taxa de paro xuvenil máis baixa" e ademais, asegura, "na comunidade autónoma onde menos mozos saen é en Galicia", xa que "a media das comunidades é o 4,1%" sobre o conxunto da poboación "e en Galicia, o 2,64%", segundo o IGE. "Non hai que utilizar a mocidade, hai que traballar coa mocidade", "nós non utilizamos os mozos e mozas para lucrarnos electoralmente, senón para poñernos á súa disposición porque son o futuro de Galicia", proclamou o xefe do Executivo.

Noticia completa: http://praza.com/economia/3852/mais-de-65000-emigrantes-amortecen-o-paro-xuvenil-en-galicia-dende-o-inicio-da-crise/

No hay comentarios:

Publicar un comentario