viernes, 1 de febrero de 2013

Feijóo segue o camiño de Galicia Bilingüe, que xa recorreu a sentenza do decreto

A Xunta volve ao rego de Galicia Bilingüe. O colectivo contrario á normalización da lingua galega vén de anunciar que o Tribunal Supremo admitiu a trámite o seu recurso contra as sentenzas do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo que invalidan o cerne da política lingüística do Executivo galego, ao tempo que a Consellería de Educación anuncia tamén que ten pensado acudir á Xustiza.

Malia que a oposición, CIG-Ensino ou A Mesa pola Normalización Lingüística amosaron o seu rexeitamento frontal á intención da Xunta de recorrer as sentenzas do TSXG, e a pesar da posición contraria da Real Academia Galega, o Consello Consultivo ou a comunidade educativa ao decreto do plurilingüismo, Feijóo e o PP volven situarse ao carón de Galicia Bilingüe, a mesma organización coa que varios dos seus principais dirixentes semanifestaron en Compostela pouco antes das eleccións autonómicas de 2009. E faino tan só días despois dunha masiva marcha na capital galega contra a súa política lingüística.

O Goberno galego, tal e como asegurou nun polémico comunicado, xa anunciou o pasado mércores que realizou os trámites necesarios para recorrer as sentenzas que eliminan as bases da política lingüística. Non lle fixo falta atender ás peticións de Galicia Bilingüe, que vén de lanzar unha campaña a través de internet para solicitarlle ao presidente Feijóo que leve as sentenzas ao Supremo, tal e como fixo a agrupación, e logo instarlle a que "defenda os seus principios e non pacte cos que non se sentirán satisfeitos até ter laminado calquera espazo de liberdade".

Galicia Bilingüe asegura que recorre as sentenzas para "reclamar o dereito a recibir o ensino na lingua mantera até os 8 anos" e para "lograr que a Administración educativa respecte o uso de ambas as súas linguas oficiais". "A admisión a trámite coincide coa reiteración da oferta de pacto realizada por Núñez Feijóo aos grupos de ideoloxía nacionalista", lembran desde o colectivo, que critica a Feijóo por ofrecer un acordo "a quen non ten un concepto democrático do que implica a cooficialidade dos idiomas e a persoas que antepoñen os seus intereses á mellor educación dos nosos nenos e mozos".

Noticia completa: http://praza.com/politica/3478/feijoo-segue-o-camino-de-galicia-bilingue-que-xa-recorreu-a-sentenza-do-decreto/

No hay comentarios:

Publicar un comentario