sábado, 1 de diciembre de 2012
Os pensionistas galegos perderán máis de 100 euros anuais coa conxelación anunciada polo Goberno
Outra promesa incumprida. O Goberno non subirá as pensións en 2013 conforme ao IPC, tal e como contempla a lei e tal e como como varios membros do Executivo sostiveron durante semanas. O próximo ano as pensións actualizaranse tan só un 1%, agás as que sexan inferiores a mil euros, que subirán un 2%. Isto supón unha importante perda de poder adquisitivo para os pensionistas. A lei contempla que as pensións se actualicen cada ano conforme ao dato de IPC de novembro. Precisamente hoxe coñeceuse o indicador adiantado, que se sitúa no 2,9%, seis décimas menos que o mes anterior. O Partido Popular incumpre deste xeito unha das últimas promesas electorais que ainda mantiña, despois de subir o IVE, e de aprobar o copagamento sanitario, o abaratamento do despido e a rebaixa da prestación por desemprego.
En Galicia hai case 800.000 pensionistas, dos que máis de 550 mil cobran menos de mil euros ao mes. Estes verán as súas pensións aumentadas nun 2%, lonxe do encarecemento da vida. O resto cobran máis deses mil euros e estes pagos só se incrementarán nun 1%. En total, os pensionistas galegos perderán máis de cen euros de media neste 2013.
Segundo UGT, "no contexto galego, coas pensións máis baixas do Estado, a situación dos pensionistas é realmente delicada, máis cando están a ser o sustento de moitas familias" e denuncia que "serán milleiros de traballadores e pensionistas os que perderán, un ano máis, poder adquisitivo, haberá menos consumo e saír da crise será máis difícil porque así será imposible reactivar a economía". Pola súa banda a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, sinalou que os cidadans non poden confiar nun Goberno que lles minte e os engana: "como se vai confiar nun Goberno que falta a sua palabra cos cidadáns unha e outra vez?". E reprochoulle ao Goberno "que estivesen mareando a perdiz cando xa sabían que ían adoptar esta decisión que fai que nunha situación de grave crise os nosos pensionistas perdan poder adquisitivo”.
Noticia completa: http://praza.com/economia/2872/os-pensionistas-galegos-perderan-mais-de-100-euros-anuais-coa-conxelacion-anunciada-polo-goberno/
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario