miércoles, 26 de diciembre de 2012
9 mil desaloxos despois, Galicia manifestarase contra os desafiuzamentos
En Galicia prodúcense 17 desafiuzamentos cada día, 120 á semana. Todo, mentres no país hai preto de 38.000 vivendas baleiras sen estrear, tal e como se tira dos datos que facilita o Goberno central. En total, máis de 9.000 desafiuzamentos dende 2007 en Galicia, que podería superar os 10.000 ao final de ano, xa que agora o CGPJ tamén contabiliza os datos dos xulgados de primeira instancia e, polo tanto, daquelas pequenas localidades sen servizos comúns de notificación.
No conxunto de Estado, e tan só no que vai de 2012, as autoridades xudiciais procederon ao embargo de máis de 500 inmobles ao día até xuño, que fai un total de case 95.000 desafiuzamentos. Desde 2008, a cifra supera os 260.000 expedientes. Un drama de dimensións masivas e silencioso moitas veces, un silencio roto de forma violenta polos varios casos de suicidios de persoas que viñan de perder a súa vivenda. E un silencio que tamén rompeu o traballo dos colectivos e plataformas que loitan contra os desafiuzamentos encargados polas entidades bancarias.
Tres marchas, baixo o lema desafiuzar = asasinar, percorrerán as rúas de Compostela, Lugo e Ferrol este sábado, á espera de que se concrete algunha nova convocatoria noutras cidades. Nas tres marchas lerase un manifesto que inclúe as reivindicacións que dende hai meses veñen repetindo estes colectivos: comezando pola paralización das execucións e a posta en marcha da dación en pago con efecto retroactivo acompañada da opción de aluguer social e a creación dun parque público de alugueiro social das vivendas usurpadas pola banca. Tamén se demandarán "responsabilidades xudiciais e políticas" aos responsables desta situación.
Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/3128/9-mil-desaloxos-despois-galicia-manifestarase-contra-os-desafiuzamentos/
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario