martes, 13 de noviembre de 2012
Voces para expresaren as razóns da folga xeral de mañá
O 14 de novembro hai folga xeral na Galiza. E tamén no resto do Estado español e en Portugal, para alén de mobilizacións e protestas noutros países europeos. Unha xornada de paro en que as persoas que a convocan advirten que hai moito en xogo. No noso país, a folga chega, aliás, no proceso de constitución do novo parlamento e goberno galego, saído das urnas o pasado 21 de outubro con maioría do PP. De aí que este paro teña na Galiza un significado especial para visualizar que os votos aos populares non amparan medidas e ataques contra as maiorías sociais.
Pedro. Desempregado. A Coruña. Pedro fai parte desas máis de 260.000 persoas que na Galiza están en situación de desemprego. Leva en paro algo máis dun ano. Sabe que non vai ser doado atopar traballo, e menos no seu ("eu traballaba en revestimento de fachadas, o da construción foise ao carallo e non ten pinta de que vaia mellorar"). Está casado e ten un fillo de sete anos. Vai ir ás mobilizacións no marco da folga, "claro". Razóns? "Pois creo que con botar unha ollada xa hai centos, non si?". Como persoa desempregada, apunta os recortes e a criminalización deste colectivo por parte dos gobernos ("semella que somos uns lacazáns"). Mais, afirma, se estivese traballando "tamén iría, porque nos xogamos moito tod@s en xeral. Estanse a cargar todo e temos que lles dicir que non, que non queremos iso".
Ana. Estudante. A Mariña. É de Viveiro e estuda unha licenciatura en Compostela. "Si que vou ir. Iso seguro, vamos", afirma con rotundidade. Argumentos que expón con vehemencia: "Mais ti sabes o que estes (resalta estes) están a facer co ensino? Xa non é só o recorte de bolsas, que tamén, e teño coñecidos que van ter que deixar de estudar porque lles van quitar as bolsas. Estudar é un artigo de luxo!". Ana engade, aliás, unha longa vaga de recortes e medidas que depauperan a calidade do servizo público "e millóns van para os privados". Mais esta mariñá apunta que ir á folga xeral "debería ser obrigatorio para case tod@s, porque nos están a machacar". Sinala que na súa casa, ao seu pai, traballador na hostalaría, "si que lle gustaría ir, mais non creo que o faga porque ao xefe non lle chista moito. De feito xa me dixo: Vai ti polos dous".
Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/economia/voces-para-expresaren-as-razons-da-folga-xeral-de-mana/20121113102436007583.html
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario