sábado, 24 de noviembre de 2012
O TSXG bota abaixo a consulta do PP ás familias sobre o uso do galego no ensino
Non cómpre unha consulta ás familias para escoller a lingua vehicular do ensino en Infantil. Así o dispón a resolución do TSXG que vén de se facer pública nesta quinta feira en resposta aos recursos presentados por A Mesa, Queremos Galego e CIG Ensino contra o decreto do plurilingüismo con que o PP comezou a regular a presenza da nosa lingua nos centros de ensino públicos. Así as cousas, estas resolucións xudiciais veñen botar abaixo, en palabras do presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, "o artigo que supuxo o varrido da nosa lingua no 96% dos centros de ensino do país", nomeadamente nas cidades.
En xullo de 2010 as entidades citadas solicitaron a suspensión cautelar da norma entrementres non se emitía unha sentenza, posibilidade que foi rexeitada polo Tribunal. Porén, a resolución ditada agora foi cualificada pola Mesa como "moi positiva" ao porlle a cambadela ao PP anulando dous artigos "chave nos ataques contra a nosa lingua": o 5.2 e 12.3 do decreto do plurilingüismo. Para alén de anular a consulta ás familias que a consellaría de Educación realizou hai dous anos, o Superior galego recoñece "un principio pedagóxico fundamental que a Xunta negaba": que as crianzas empreguen o noso idioma en máis materias que Lingua e Literatura galega. Rexeita así a disposición que sinalaba que o uso do galego non era obrigatorio nas aulas.
A equipa de xuristas da Mesa avaliará a sentenza máis polo miúdo para valorar o que dispón o TSXG en relación ao resto de artigos que a entidade en defensa da lingua considerou obxecto de recurso. Con todo, unha lectura da resolución permite concluír que, aínda que son varias as disposicións que non presentarían conflito desde o punto de vista legal, o propio Tribunal recoñece que se trata de decisións políticas e que delas non deriva a situación máis acaída para a nosa lingua, considerando que esta debera ter un trato diferenciado fronte ao español.
Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/lingua/o-tsxg-bota-abaixo-a-consulta-do-pp-as-familias-sobre-o-uso-do-galego-no-ensino/20121122182807007980.html
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario