viernes, 16 de noviembre de 2012

O plan do Goberno contra os desafiuzamentos non lles permite aos beneficiarios recuperar a súa vivenda aínda que paguen


O Goberno e os bancos queren evitar durante dous anos a mala prensa que a ambos lles estaban xerando as informacións de desafiuzamentos a familias en situacións de exclusión social. Tras o decreto aprobado este xoves polo Consello de Ministros, o Executivo ofrécelles a estas familias dous anos máis para abandonar as súas vivendas, non dous anos máis para buscar o diñeiro que lles permita seguir pagándoas.

O decreto que hoxe publica o BOE resume, en linguaxe administrativa, o espírito do comunicado da Asociación Española da Banca. O que os banqueiros dixeron o pasado 12 de novembro naquel comunicado é practicamente o mesmo que di o Goberno a través do BOE.

A medida aprobada polo Executivo non ofrece ningunha alternativa para que quen non poida pagar o faga. Durante ese prazo de dous anos, os afectados pola medida terán dereito a quedar nunha vivenda que xa non será súa pola graza dunha entidade bancaria coa que seguirán mantendo a súa débeda.

Ademais o prazo de dous anos de moratoria é discutible. Serán dous anos para quen solicite hoxe acollerse á medida, quen o faga dentro de seis meses, tan só poderá gozar de ano e medio dos beneficios do decreto. O 15 de novembro de 2014 acaba o prazo marcado polo goberno e a partir desa data os desafiuzamentos volverán ser executados con normalidade para todas as familias, á marxe do delicado da súa situación. O Goberno aproba o seu decreto despois de tres días negociando co PSOE, sen chegar a ningún tipo de acordo. Segundo o texto que recolle o BOE, a moratoria de dous anos "será de aplicación unicamente para aqueles que xa perdesen a súa casa cando esta se adxudicou ao acredor".

Noticia completa: http://praza.com/economia/2720/o-plan-do-goberno-contra-os-desafiuzamentos-non-lles-permite-aos-beneficiarios-recuperar-a-sua-vivenda-ainda-que-paguen/

No hay comentarios:

Publicar un comentario