sábado, 17 de noviembre de 2012
O BNG abre a súa refundación a simpatizantes
O Consello Nacional do Bloque aprobou esta mañá a constitución dun grupo de traballo para "sintetizar as achegas feitas pola militancia ao proceso de debate aberto no seo do BNG".
No Bloque coexisten arestora dúas grandes correntes de opinión. Mentres a UPG, o partido comunista maioritario na fronte, aposta por unha reflexión pausada sobre a derrota electoral que desemboque nunha Asemblea Extraordinaria a medio prazo; os críticos temen que este proceso unicamente sirva para mudar algunhas caras na dirección da fronte sen virar no discurso ideolóxico, máis ortodoxamente comunista, aprobado por maioría na Asemblea e Amio, e que identifican con unha das grandes causas do fracaso do 21-0.
Malia a recente demisión de dous membros da Executiva que non son da UPG, a tese da reflexión pausada vai abríndose paso. Así o proba a creación hoxe en Santiago deste grupo de traballo polo Consello.
O debate estará aberto a "simpatizantes" e "persoas representativas dos sectores sociais". É dicir, que facer co Bloque non será só asunto de diálogo entre a militancia.
Tendendo pontes co independentismo
A folla de ruta expresada publicamente por varios militantes da UPG pasa por un debate que afonde nas teses de Amio pero que sirva para recuperar o contacto con outros sectores do nacionalismo de esquerdas.
A hipotética refundación ao final deste proceso podería servir para tratar incorporar a algúns sectores do independentismo, como Causa Galiza, que non entraron en Anova Irmandade Nacionalista, unha das recentes escisións na fronte.
O Consello Nacional de hoxe tamén serviu para tratar polémicas da actualidade. Sobre a moratoria dos desafiuzamentos, “para o BNG é unha burla macabra o paripé PP-PSOE de aparente busca de solucións para para estes desafiuzamentos salvaxes; unha burla negra porque son os mesmos, PP e PSOE, que votaron unha e outra vez contra propostas, como as do BNG, para modificar a Lei Hipotecaria ou a favor da dación en pago”.
Ante esta situación, anunciou que “o BNG insistirá e combaterá e estará ao carón das vítimas para conseguir unha solución xusta, que pasa inevitabelmente porque a banca pague as consecuencias da súa mala cabeza, da súa avaricia insaciábel”.
Noticia completa: http://galiciaconfidencial.com/nova/12245.html?utm_source=dlvr.it&utm_medium=twitter
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario