A operación “Alicerce Defensivo” atinxe xa 127 vítimas mortais entre a poboación palestina, a meirande parte destes civís e un número importante de crianzas. Aliás, as cifras aproxímanse xa ao milleiro de feridas e feridos. Eis o balanzo da ofensiva militar de Israel contra a Faixa de Gaza, na que se contabilizan máis de 1350 ataques polo exército israelita nestes seis días, con bombardeos contra edificios civís como vivendas, estadios, centros administrativos e mesmo sedes de medios de comunicación árabes.
Invasión terrestre ou tregua?
Francia, Reino Unido e Alemaña fixeron tímidos movementos diplomáticos tendentes a evitaren unha invasión terrestre que só contaría co apoio dun 30% da cidadanía de Israel. Nas últimas horas varias informacións apuntan a que Israel desbotaría polo momento unha intervención militar por terra.
Aliás, a mediación exercida polo presidente de Exipto, Mohamed Mursi, podería frutificar nunha tregua a partir desta medianoite, segundo informou a organización palestiniana Hamás. Porén, desde Israel negan que estea pechado tal acordo. Hamás xa anunciou previamente unha tregua que encetaría ás 20:00h e sería efectiva a partir das 23h.
Reaccións internacionais
A ofensiva, tachada por numerosas voces como “imperialista”, mereceu xa a condena de numerosas organizacións internacionais. A Organización Mundial da Saúde, OMS, expresou estar profundamente preocupada pola situación na faixa de Gaza, no referido ao impacto “na vida e na saúde da poboación civil” desa rexión de Palestina e solicitou o envío de dez millóns de dólares en axuda. O Mercosul, integrando por doce países fundamentalmente de América Latina, condenou pola súa banda a ofensiva amosando a súa “preocupación polo uso desproporcionado da forza” por parte de Israel e instaron a que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas interveña para frear o masacre, petición na que tamén se reiterou a presidenta do Brasil Dilma Rousseff. En termos semellantes expresouse Ban Ki-Moon. O Secretario Xeral da ONU, quen se desprazou até O Cairo (Exipto) para tentar mediar, exixiu un cesar-o-fogo inmediato. Tamén o Consello Mundial da Paz pediu a fin das hostilidades contra do pobo palestiniano.
En contraste coas posicións internacionais máis comprometidas cunha solución inmediata que poña fin a agresión militar de Israel, como a expresada polo presidente Turco que cualificou ao Estado hebreo de “Estado terrorista”, as principais potencias occidentais amosaron unha morneza que numerosas voces cualifican de “cómplice”. Así, a Unión Europea limitouse a reclamar unha solución mais declinou condenar a operación bélica. A OTAN, pola súa banda, xustificou a actuación de Israel afirmando “ter dereito a defenderse” malia pedir que o faga con “contención”, en termos case calcados aos utilizados por portavoces da administración norteamericana de Barack Obama.

No hay comentarios:
Publicar un comentario