jueves, 11 de octubre de 2012

O 91% das aulas infantís urbanas exclúe o galego

Segundo estes datos da Mesa pola Normalización Lingüística, só 3,19% dos centros imparten ensino en galego, un 1,06% manteñen dúas liñas diferenciadas (unha en galego e outra en castelán) e un 4,96% dos centros responderon que “dan a metade en galego e a metade en castelán”, aínda que en varios deles o idioma propio só se utiliza na oralidade, realizándose toda a lectoescritura en castelán ou, mesmo, en inglés.

Sumando todas estas porcentaxes encontrámonos con que só o 9% dos centros de ensino de infantil das cidades declaran impartir “algo” en galego, mentres que o 91% exclúe o idioma propio do país até que as nenas e os nenos chegan aos 6 anos. “Non se garanten as competencias comunicativas en galego e ponse en risco a cohesión social de Galiza”, indican desde a maior asociación cultural de Galiza.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, apunta que “estes niveis de exclusión non se producen en ningunha outra comunidade autónoma con idioma propio diferente do español, goberne quen gobernar” e pon como exemplo outras comunidades gobernadas polo PP, como València ou Balears. “

Callón fai tamén un repaso polos datos sobre o uso do galego na educación infantil nos últimos anos e recoñece que “se trata dunha etapa difícil para o idioma propio desde sempre, pois nunca se puxeron os medios precisos para garantir a presenza mínima do galego, mais nunca en democracia se comprobaron niveis tan calamitosos como na actualidade”.

Así, mentres no curso 2008/09, co decreto do 50% aínda en vigor, só o 35% dos centros das cidades declaraban impartir ese mínimo da metade do horario en galego, en 2010/11 só 10% manifestaban que impartisen o ensino en galego e na actualidade continúa cun “descenso en picado” que, a xuízo da Mesa, “coloca a nosa lingua á beira do precipicio”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario