martes, 27 de agosto de 2013

Defensa da Sanidade calcula que os pensionistas perderon un 5% de renda polo copagamento

Galicia ten as pensións de xubilación máis baixas do Estado. Segundo os últimos datos da Seguridade Social este subsidio sitúase en 721,78 euros ao mes, isto é, case un 20% menos que os 858,10 euros de media estatal. A diferenza a respecto das autonomías coas pensións máis altas, Euskadi, Madrid e Asturias, é case dun 30%. Este é o contexto no que irrompeu o copagamento farmacéutico implantado polo Goberno central, unha medida que, lonxe de ser inocua para os e as pensionistas, deu de cheo nas febles rendas das persoas maiores, segundo denuncia a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.


Con estes datos na man a AGDSP explica que a introdución do copgamento "en medicamentos que antes eran de balde e que consomen, na súa maioría, por motivos de idade" supuxo "unha nova discriminación e unha importante redución no seu escaso nivel de renda", toda vez que as persoas pensionistas "na súa gran maioría padecen enfermmidades crónicas" que as levan a consumir "un 30% máis de medicamentos que o resto da poboación".

O gasto en medicamentos nos fogares dos pensionistas supera os 20 euros ao mes, segundo os cálculos da AGDSP

"Recentes estudos -detallan- demostran que os pensionistas pagan unha media de 11,18 euros ao mes por medicamentos" e, dado que o 61,4% dos mesmos "teñen parella que non perciben outra pensión, o pagamento mensual por medicamentos das unidades familiares de pensionistas ascende a 22,36 euros ao mes, o que supón unha redución do 3% na súa renda". Se a estes copagamentos "engadimos o pagamento polos medicamentos aos que o Goberno retirou todo o financiamento e que consomen, sobre todo, enfermos crónicos -serven para tratar a tos, o estrinximento, as diarreas, as dores de pernas...- este impacto é aínda maior.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/5274/defensa-da-sanidade-calcula-que-os-pensionistas-perderon-un-5-de-renda-polo-copagamento/

No hay comentarios:

Publicar un comentario