viernes, 17 de mayo de 2013

Un Día das Letras de loita e festa


"Para unha persoa que non queira vivir en galego, non hai problema". No caso contrario, o 17 de maio hai "motivos" para saír á rúa. O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, explica deste xeito as razóns que, ao seu xuízo, permanecen vivas para que, un ano máis, no Día das Letras Galegas a reivindicación e a celebración vaian da man. "Os exemplos sobran" e "os motivos que nos queiman nas mans son os mesmos que en anteriores chamadas á mobilización". Os "ataques cara á nosa lingua", di, en conversa con Praza Pública, "van a máis".


Con este pano de fondo, a plataforma Queremos Galego chama a saír ás rúas de Compostela, neste caso botando man dos versos de Rosalía para elaborar o lema: "non queremos ser estranxeiros e estranxeiras no noso propio país", sintetiza Callón, e iso seguirá acontecendo, ao seu xuízo, mentres "os nosos nenos e nenas non se poidan educar en galego" e a lingua propia "sexa de verdade oficial en todos os ámbitos". A esa convocatorai fixada para o mediodía do 17 na Alameda compostelá sumouse tamén a oposición parlamentaria en pleno e outros colectivos moi ligados ao idioma, caso da Asociación Galega da Lingua (Agal), cuxo presidente, Miguel R. Penas, cre que a manifestación debe ser, á vez, unha marcha "de festa e reivindicación".

"Segue sendo unha xornada reivindicativa porque a situación do galego non é prioritaria para a Xunta e todo o que se reivindicou contra a política lingüística do Executivo no ensino o pasado xaneiro continúa vixente", di Penas. A AGAL, tal e como lembra o seu dirixente, centrará a súa mensaxe na ILP Valentín Paz Andrade tomada en consideración por unanimidade no Parlamento esta semana para aproveitar os vínculos coa lusofonía. "É un bo comezo porque marca uns mínimos e lugares comúns asumíbeis por todas as forzas políticas e por calquera cidadán", asegura Penas, que destaca tamén a reivindicación da campaña Multiplica x100 a tua língua.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/4493/un-dia-das-letras-de-loita-e-festa/

No hay comentarios:

Publicar un comentario