viernes, 17 de mayo de 2013

A Asociación de Medios en Galego denuncia que a Xunta "dálles as costas aos medios que usan esta lingua"


Once medios de comunciación: Radiofusión, Valminor.info, Novas da Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Certo, Que Pasa na Costa, O compás da Costa, Tempos Novos e a Nova Peneira, presentaron este xoves a Asociación de Medios en Galego, unha nova entidade que ten como obxectivo organizarse para manter e potenciar o galego, garantir a pervivencia da lingua nos medios, traballar pola dignificación do xornalismo e procurar vías de financiamento que garantan a súa sustentabilidade.


O acto de prensentación tivo lugar na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela e nel os representantes dos distintos medios destacaron a necesidade "de traballar xuntos para loitar pola supervivencia do galego nun tempo de crise" no que, ademais, "a Xunta de Galicia, dalle ás costas aos medios que usan esta lingua". A asociación xurdiu a raíz da campaña Vitaminas para o galego, unha iniciativa que naceu en decembro de 2011 e que ao longo do pasado ano suscitou un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respeito destas cuestións.

"Queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común"

Asociación de Medios en Galego, na que tamén pediron o ingreso os xornais A Voz de Vilalba e Cadernos de Comunicación e Análise, destaca que o galego "non é un obstáculo para comunicarse en Galicia". "Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia", apuntan nun manifesto que deron a coñecer este xoves.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/4490/a-asociacion-de-medios-en-galego-denuncia-que-a-xunta-dalles-as-costas-aos-medios-que-usan-esta-lingua/

No hay comentarios:

Publicar un comentario