jueves, 11 de abril de 2013

Andalucía expropiará tres anos as vivendas dos bancos para frear os desafiuzamentos


O Goberno andaluz deu un paso á fronte para frear a media de 45 desafiuzamentos diarios que se dan nesa comunidade e que suman máis de 86.000 desde 2007. Vén de aprobar un ambicioso decreto-lei que pon no punto de mira aos bancos: as súas vivendas poderán ser expropiadas por un prazo de tres anos nos casos de familias que vaian ser desaloxadas e nas que concorran circunstancias nas que a súa saída do domicilio supoña unha condena á exclusión social ou unha ameaza para a saúde física ou psíquica. A norma entrará en vigor o xoves, tras a súa publicación no BOJA.


Vivenda carece dun cálculo de cantos beneficiarios pode haber desta medida antidesafiuzamento, pero dende a entrada en funcionamento o pasado 8 de outubro da rede de oficinas provinciais do Programa Andaluz en Defensa da Vivenda, que ofrecen asesoramento e intermediación entre afectados e entidades financeiras, logrou a paralización de 964 desaloxos, e 119 familias xa pediron auxilio.

O segundo alicerce fundamental desta nova norma é que banca e inmobiliarias estarán obrigadas a declarar cal é o seu parque de vivendas baleiras e a sacalas ao mercado do aluguer. Se non o fan serán sancionados, sendo a falta máis grave penada co pago de 9.000 euros. O volume de vivenda desocupada está ao redor de 700.000 a un millón de inmobles (un 20% do parque andaluz de vivendas). Entre 350.000 e 500.000 pertencen a persoas xurídicas. O diñeiro que se recade irá destinado a financiar políticas para promover o dereito á vivenda.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/4088/andalucia-expropiara-tres-anos-as-vivendas-dos-bancos-para-frear-os-desafiuzamentos/

No hay comentarios:

Publicar un comentario