sábado, 23 de febrero de 2013

“O poder é sempre reaccionario. Busca perpetuarse, crear elites e separarse do cidadán común”

Personaxes á procura dunha última oportunidade. Da redención. Nun ambiente que non perdoa. Que arrastra a vida dos que están abaixo. Este é o cerne de Todo OK, a nova novela de Diego Ameixeiras. Un novo retrato da miseria que o abanea todo nun contexto no que a corrupción xa non ten onde agocharse. Un libro realista, situado na mellor tradición do xénero negro. Falamos con el desta obra e de todas as súas creacións anteriores.

"Todo o mundo ten dereito a cometer algún erro e a que non o castiguen demasiado por el", di alguén en Todo OK. Podería ser un bo resumo do sentido da novela, non si?

Podería resumir o espírito da novela, si. É unha historia que describe a caída en picado da protagonista, Inés. Tamén sobre unha necesidade de redención: ante a xustiza neste caso, pero tamén redención persoal. Porque todos temos dereito e comezar de cero e a non pagar demasiado polos nosos erros. É xusto que nos xulguen e que paguemos polo que fixemos, pero sen que iso acabe co resto da nosa vida.

Inés está enferma e soa, a súa nai está a punto de morrer, enfróntase a unha posible pena de varios anos de cárcere... Todos os personaxes parecen atrapados nun ambiente opresivo... E son xente de clase social baixa, como en Historias de Oregón... Quixeches facer un retrato do "lumpen"?

Todos tentan buscar unha saída a unha problemática concreta, agarrarse a unha última oportunidade. Tentan atopar unha saída nun ambiente opresivo, onde todo o mundo se coñece e espera do outro tal comportamento por ser quen é. É un mundo de mentiras, de pequenas traizóns... E non son os narcos, senón o estamento máis baixo do mundo do narcotráfico, si. É certo que tamén en Historias de Oregón hai personaxes levados ao límite, que teñen que escoller entre o malo e o peor, que é o que moitas veces acontece na vida.

"En Baixo mínimos e en O cidadán do mes había unha vocación deliberada de xogar co idioma: por iso recolle dialectalismos ou fraseoloxía ourensá. Agora o estilo é máis frío e distante"

O narcotráfico está no fondo de Todo OK, como enBaixo mínimos ou en O cidadán do mes estaban a corrupción inmobiliaria e política, ou en Dime algo sucio a pederastia. A corrupción e a hipocrisía repítense nas túas tramas: e esta última caracteriza en especial á xente que ten o poder. O pederasta deDime algo sucio é un pediatra. Os policías son tan corruptos como os "delincuentes"...

Supoño que ás veces a policía acaba mimetizándose co mundo á marxe da lei co que traballa no día a día. Unhas veces porque actuar á marxe da lei é o xeito de facer o seu traballo, e outras por tirar beneficio propio, por pura corrupción. Por iso ao falar disto habería que introducir matices e diferenciar. O da pederastia xa é un tema máis delicado. Non lembro se houbo unha historia concreta que me servise como punto de partida, pero realmente cando nos chegan noticias sobre redes de pederastia vemos que moitas veces os pederastas son profesionais que están cerca dos nenos: médicos, profesores, monitores..., e iso causa, claro, unha alarma social moi grande. É un grao tal de degradación moral que esperta en nós os instintos máis baixos, o desexo de que os responsables sufran o máximo posible, por moito que pensemos que todo o mundo ten dereito a un xuízo xusto. En canto á mentira e o poder, a dominación do outro implica a mentira, a transmisión de imaxes falsas. O poder é sempre reaccionario, sempre busca perpetuarse e crear elites, separarse do cidadán común. Pero desde logo esa hipocrisía non é só das clases altas. O que pasa é que o seu radio de acción é maior se quen engana é un ministro ou ten un exército.

No hay comentarios:

Publicar un comentario