miércoles, 16 de enero de 2013

Os grupos opostos ás touradas na Coruña preparan novas iniciativas tras o rexeitamento do referendo

Esquerda Unida e Galicia Mellor Sen Touradas veñen de anunciar novas iniciativas logo do rexeitamento do PP á moción do referendo vinculante sobre as touradas no pleno municipal deste luns. Os dous grupos cualifican a negativa do goberno municipal "a tan sequera debater" a moción presentada por EU-V como "un acto de prepotencia e desprezo aos milleiros de coruñeses que rexeitan a feira taurina". César Santiso afirmou que “o goberno municipal vén de demostrar o seu desprezo pola participación cidadá, a nula atención ao sentir xeral da veciñanza gobernando de costas a cidadanía”.

Acusan de "soberbia" ao PP e anuncian que preparan o reparto de novo material informativo, o despregue de faixa ao longo da cidade denunciando a situación e tamén a organización conferencias con posterior debate para promover a participación cidadá. Esquerda Unida e Galicia Mellor Sen Touradas están convencidos de que"en pouco tempo conseguiremos rematar con este acto cruel cos animais no noso concello, porque as touradas na Coruña teñen un percorrido baseado no subsidio e o agasallo de invitación".

Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor Sen Touradas, declarou que o goberno municipal "non ten que escudarse no desenvolvemento de ningún estudo económico", pois "chega con observar os datos de asistencia as touradas do pasado mes de agosto con tan so 4.674 abonos e entradas vendidas nos tres días de feira taurina, mentres que o concello subsidiou encubertamente cuns 90.000 euros este acto cruel cos animais coa cesión e adaptación do Coliseum".

No hay comentarios:

Publicar un comentario