miércoles, 23 de enero de 2013

O dispositivo policial con que detiveron a 'Senlheiro' saltou máis de 30 veces antes de prender o independentista


O dispositivo policial de vixilancia con que detiveron o veciño de Ames Hadrián Mosqueira Pazos, 'Senlheiro', saltou máis de 30 veces "ao paso de veciños do lugar e de animais" antes de que prenderan o mozo, segundo consta no atestado policial redactado após a detención e ao que tivo acceso a defensa.


"Por que lle apareceu a garda civil a el e non nas outras ocasións? Porque estaban a agardar a que pasase un independentista", augurou en conversa con este xornal o avogado Borxa Colmenero.

Segundo indicou o letrado, o operativo, con infravermellos e cámaras de vixilancia, levaba montado desde setembro, cando ubicaron nese mesmo monte o xornalista Carlos Calvo, a quen vincularon, ao igual que aconteceu con Mosqueira Pazos, coa organización Resistencia Galega para seguilo e arrestalo finalmente en Vigo. Desde aquela atópase en prisión preventiva, e o seu caso fica baixo segredo de sumario.

Probas de ADN para demostrar que ''nunca tocou'' os explosivos

Na súa declaración perante o xuíz Fernando Andreu, Mosqueira Pazos sinalou que o día do seu arresto, o 8 de xaneiro, paseaba polo monte dos Batáns, a 500 metros da súa casa, no lugar de Quistiláns, e non levaba nada enriba. O atestado da policía, se ben non confirma este testemuño, tampouco di que Senlheiro camiñase coa bolsa cando foi detido.

Así, os termos metálicos que a imprensa puxo na súa man, reproducindo un comunicado do Ministerio de Interior, terían sido localizados no interior dunha casa en ruinas. O independentista declarou que "nunca chegou a tocalos" e para corroborar as súas palabras accedeu a que se lle practicasen as correspondentes probas de ADN, cuxo resultado demorará aínda varias semanas.

O mesmo documento policial, ao que tivo acceso o avogado da defensa, sitúa a hora do arresto por volta das oito do serán, e non "de madrugada", tal e como se difundiu na imprensa. Desde ese momento e até o día seguinte ás doce do mediodía, cando o levaron ao seu domicilio para proceder co rexistro, "paseárono polo monte e ameazárono, mais el non declarou nada", tal e como informou Colmenero a este xornal.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/galiza/o-dispositivo-policial-con-que-detiveron-a-senlheiro-saltou-mais-de-30-veces-antes-de-prender-o-independentista/20130121145707009833.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario