miércoles, 23 de enero de 2013

Cascos asegura que os danos provocados polo Prestige "foron inevitables"


"Non me consta". Con esta frase, tan de moda nos últimos días, Francisco Álvarez Cascos botou balóns fóra ante a maioría das preguntas que respondeu este martes no xuízo sobre a catástrofe do Prestige que se celebra na Coruña. O que fora ministro de Fomento durante o sinistro declarou como testemuña e atribuíu todas as decisións tomadas respecto ao buque "aos técnicos", aclarando que todas elas foron "as máis correctas e axeitadas en base á información" da que se dispoñía naquel momento. "Sería unha temeridade pola miña parte dar recomendacións técnicas", aclarou.


"Outras decisións terían sido moito máis graves. Non hai quen defenda que con outras decisións se tería evitado a contaminación; os danos que provocou o fuel eran inevitables", asegurou Cascos en resposta ás preguntas do avogado de Nunca Máis, ao que negou que coñecese a consigna do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, de afastar o petroleiro en alta mar ou asegurando non lembrar cando se acordou ese afastamento e negando que el ordenase envialo "ao quinto pino", tal e como se lle atribuíu. Tamén negou que se optase por meter o petroleiro no abrigo dalgunha ría ou porto. "Non coñezo ningún peirao voluntario para acoller o petroleiro; esa alternativa non existiu nunca", aclarou.

O que fora ministro co Goberno de Aznar deixou claro que el nin tan sequera estaba "informado" constantemente sobre as decisións que se tomaban en medio da catástrofe, aínda que si "do criterio xeral". Álvarez Cascos insistiu unha e outra vez en que se aplicaron "os protocolos marítimos" baseados na lexilslación e que se seguiu o Plan Nacional de Continxencia, pero negou que as decisións non fosen as axeitadas, senón todo o contrario, e malia que moitos avogados puxeron en dúbida que se seguisen os plans previstos polas administracións marítimas e de salvamento.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/3372/cascos-asegura-que-os-danos-provocados-polo-prestige-foron-inevitables/

No hay comentarios:

Publicar un comentario