miércoles, 23 de enero de 2013

Bota a andar a Coordenadora Constituínte do Proxecto Independentista



Militantes e activistas sociais desprazadas de diferentes comarcas da Galiza reuníronse esta fin de semana en Compostela para debater e poñer en común a evolución das xuntanzas e asembleas para conformar o xérmolo dunha nova organización independentista. A denominación provisional desta, que nacerá das cinzas de Causa Galiza, será Coordenadora Constituinte do Proxecto Independentista. Na reunión de Compostela valorouse, segundo participantes, "a receptividade positiva que a proposta está a ter por parte de decenas de nacionalistas, mais tamén as reticencias, desconfianzas e suxestións". Neste senso, a recén nada Coordinadora nacional vén de "fixar un guión xenérico e reformábel sobre os contidos a resolver no proceso constituinte".


 Aliás, decidiron adiar a constitución formal e proxección pública da Coordinadora debido que aínda está en marcha a constitución de asembleas locais e comarcais. No entanto, nas próximas semanas seguirase cos contactos e diálogos abertos coa base social independentista "para ilusionala e incorporala ao proceso. Esta será, por tanto, a nosa tarefa prioritaria nas próximas semanas con vocación de facer un proceso inclusivo, participativo e aberto á militancia da esquerda independentista".

Guión-marco do debate

Alén disto, a Coordenadora decidiu propor ás asembleas de base que se están a formalizar no país un guión sobre cuestións que, desde a óptica deste órgano, sería necesario que se definisen e resolvesen no proceso constituínte. Así, por exemplo, este guión abriría o diálogo e o debate sobre o diagnóstico da situación internacional, estatal e nacional; a liña política, principios, táctica e estratexia e o modelo organizativo do proxecto asemblear, entre outras cuestións propostas ás asembleias comarcais, que poderán alterar este rascuño.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/politica/bota-a-andar-a-coordenadora-constituinte-do-proxecto-independentista/20130122101844009861.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario