martes, 15 de enero de 2013

Á procura da mobilización total nas aulas contra a 'Lei Wert'


Unha mobilización de toda a comunidade educativa contra a "contrarreforma" do ensino público ou, o que é o mesmo, contra LOMCE, máis coñecida como 'Lei Wert'. Un día despois de que as principais organizacións estudantís galegas acordasen un calendario de protestas contra o proxecto impulsado polo gabinete de Mariano Rajoy a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público vén amosar o seu apoio ás mobilizacións do estudantado ademais de convocar as súas propias, que van dende concentracións nas sete cidades o vindeiro día 31 ata un traballo centro por centro, co obxectivo de que en cada colexio e instituto se coñeza o contido da denominada "lei de mellora da calidade educativa" e se rexeite formalmente.


En rolda de prensa en Compostela a voceira da plataforma e presidenta da federación de ANPAS de Lugo, Elvira Lombao, sinala que tratarán de vehiculizar este rexeitamento a través de solicitudes aos consellos escolares e claustros, aos que lles pedirán "que aproben resolucións en contra da súa aprobación". "É o momento de dicir que non queremos esta lei -di-, que os pais e nais, o profesorado e o alumnado tamén somos membros da comunidade educativa e temos dereito a dar a nosa opinión".

Trátase, explica Lombao, de "darlle un toque ao Goberno" e para isto cómpre tamén, na opinión da plataforma, espallar o contido da norma. Por este motivo celebrarán "conferencias e debates" en todas as comarcas, para "informar" dos detalles dunha lei "que supón unha recentralización de consecuencias nefastas para o noso idioma", ademais de implantar nas aulas normativas "totalmente confesionais" xa que "a relixión non só segue sendo materia curricular, senón que se ve reforzada, na medida en que lle crean unha alternativa e pasa a ser específica en Bacharelato", di Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato integrado no colectivo.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/3303/a-procura-da-mobilizacion-total-nas-aulas-contra-a-lei-wert/

No hay comentarios:

Publicar un comentario