jueves, 17 de enero de 2013

A oposición critica o "control político" da CRTVG e o crecente uso do castelán

Xornada de críticas ao funcionamento da CRTVG na comparecencia do director xeral do ente na Comisión de Orzamentos do Parlamento. Os tres grupos da oposición realizaron numerosas denuncias, centradas no control da liña editorial dos informativos de TVG e Radio Galega e no crecente uso do castelán.

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da RTVG, María Quintas, criticou o incumprimento da Lei de Medios Públicos por parte da CRTVG por “interese partidista” de Feijóo.Quintas dixo que o PP "atrasou a aplicación da nova Lei para chegar ás eleccións autonómicas coa mesma estrutura de supeditación do ente á Xunta”, adiando a elección da nova dirección e do consello, así como a aprobación do mandato marco e a adaptación á Lei en relación á garantía da pluralidade informativa. Afirmou que, con este atraso, o PP garantiu un tratamento da información favorable co que “en numerosas ocasións conculcáronse os principios de liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade”.

De igual xeito, a deputada do BNG Montse Prado acusou a dirección da CRTVG de poñer a Televisión galega “ao servizo do Goberno e do Partido Popular” e de non respectar o pluralismo político representado na Cámara galega.

Pola súa banda, o deputado de AGE David Fernández Calviño centrou a súa intervención en denunciar a “cada vez maior presenza do castelán nas programacións da radio e da televisión de Galicia”. E sinalou que “isto acontece sobre todo nas tertulias, ateigadas do que Carlos Taibo denomina todólogos”, para recomendar que “busquen a outros, que os hai, que saben galego, e que seguro que din menos estupideces”. Tamén recomendou que se fale máis “do deporte de base e menos do fútbol profesional", e reclamou un maior tratamento "da difusión cultural e artística e de grupos sociais non representados nos medios non comerciais”. Fernández Calviño pechou a súa intervención preguntando se o PP é quen "de garantir que non van privatizar a radio e a televisión pública nesta lexislatura”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario