lunes, 21 de enero de 2013

A dirección das caixas presionou os seus traballadores para vender preferentes

A dirección das antigas caixas presionou os seus empregados para que comercializasen produtos financeiros como as preferentes, en cuxa estafa están agora atrapados milleiros de galegos que continúan coas protestas día a día. "As persoas que non saiban ou non queiran vender preferentes deberían preguntarse se realmente queren tomar parte da caixa e do seu futuro", pódese ler nun correo electrónico enviado ao cadro de persoal en abril de 2009. Esta é unha das frases coas que os xestores das entidades advertiron os seus traballadores para que accedesen a vender o que se acabarían demostrando como parte dun inmenso engano.

Así o adiantou esta tarde a emisora galega da Cadena Ser, que tivo acceso a documentación das antigas caixas que acabaron conformando Novagalicia Banco. “As preferentes son a nosa empresa; debemos estar totalmente convencidos do que vendemos, senón é que temos dúbidas sobre a nosa empresa", di outra das aseveracións ás que fai referencia a canle de radio, que destaca ameazas como estas que saían da dirección de Caixa Galicia.

Precisamente, a antiga caixa de aforros con sede na Coruña destacaba nunha desas comunicacións aos seus traballadores que as preferentes tiñan "unha importancia vital" para a empresa porque lle ía achegar á entidade "a solvencia necesaria". Así, e en abril de 2009, a dirección amosa a súa preocupación polo "parón sufrido na contratación" das devanditas preferentes e deciden presionar os directores das sucursais e os empregados para que incrementen as vendas.

Ademais, e tal e como destaca a Cadena Ser, nese mesmo ano e con dúbidas xa sobre a solvencia das caixas, a dirección repartiu un argumentario entre o cadro de persoal sobre as participacións preferentes. Incluso se aclaraban as respostas que habería quedar en caso dalgunhas preguntas. Por exemplo, á de por que Caixa Galicia paga un 7,5% de interese debíase responder que "se trata dun produto que premia a fidelidade" dos clientes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario