martes, 30 de octubre de 2012

Máis de 74.000 fogares dependen da axuda de familiares ou amizades para chegaren a final de mes

Os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao primeiro trimestre de 2012 sinalan que o 7,4 por cento dos fogares da Galiza tiveron que recibir axuda económica de amizades ou familiares para chegaren a fin de mes. A comezos de 2010 esa procentaxe era do 6%. No censo de 2010 do propio IGE cifrábase o número de fogares existentes na Galiza en 1.054.716. Por tanto, ese 7,4% de fogares que depende das achegas de familiares e amig@s para cadrar as contas mensuais supoñen perto de 74.000.

Mais nese estudo tamén se recollen outros datos e cifras que evidencian a gravidade da crise e o seu impacto nas familias e fogares. Un exemplo? O 24 por cento das familias tiveron que diminuír os gastos comúns (roupa, calzado, transporte…). Ou que catro de cada cen fogares tiveron que solicitar préstamos para facer fronte a gastos correntes ou aprazar pagamentos.

Alén diso, un 35 por cento dos fogares galegos, un de cada tres, mudou os seus hábitos de compra para mercar a cada vez máis marcas brancas (algo que non se lle escapa ás grandes superficies) ou produtos en oferta.

Non en van, e tal e como se recolle na enquisa conxuntural aos fogares galegos elaborada polo IGE, o 41,5 por cento das familias da Galiza recoñecen que chegan con ‘dificultade’ a fin de mes, e un 6,5% fano con ‘moita dificultade’.

No hay comentarios:

Publicar un comentario