martes, 30 de octubre de 2012

A ferida de Galicia que non fecha. O 38% dos parados galegos aposta por buscar traballo noutro país

A crise económica, a parálise institucional e a falla de perspectivas de emprego no futuro están detrás da nova vaga de emigración que está sufrindo Galicia.

O pasado ano emigraron máis de 5000 galegos segundo as estatísticas oficiais. Pero os partidos da oposición denuncian que miles máis estan fora e non saen nos datos. Investigadores, médicos, biólogos, enxeñeiros, arquitectos, economistas e informáticos, de entre 25 e 35 anos e altamente cualificados.

Destinos

Este é o novo perfil dos novos emigrantes galegos, aqueles que abandonan a súa terra desde 2008, como consecuencia directa da crise financeira. Moitos deleste tentan buscarse a vida en grandes multinacionais. Marchan a Estados Unidos, Brasil, Australia, Holanda, Reino Unido, Alemaña, China ou nos emerxentes países do Golfo Pérsico. É unha nova clase de emigración que busca o que non lles pode ofrecer a súa terra. Pero as cifras poderían duplicarse ou triplicarse este ano segundo os últimos datos.

O 38% dos desempregados galegos recoñece abertamente que está buscando traballo noutro país. A proporción de homes que pensan en emigrar por motivos laborais (46%) supera á das mulleres na mesma situación (27%).

Os máis decididos, os novos

Son datos dunha enquisa realizada pola empresa de traballo temporal Manpower a máis de 4.500 persoas. E son os máis novos, os que están entre os 16 e os 24 anos os que máis están dispostos a marchar; o 43%. A cifra redúcese ao 39% entre os que teñen de 25 a 34 anos e baixa ao 36% entre os parados de 35 a 44 anos. Só os que superan os 45 anos son os máis reacios a deixar o País; tan só un 19%.

A de marchar ao extranxeiro non é unha idea dos galegos. Tamén os inmigrantes que viñeron aquí na procura de mellores condicións laborais están pensando en marchar. O 24% pensa en voltar ao seu país e o 76% tentaríao nun terceiro país.

No hay comentarios:

Publicar un comentario