domingo, 28 de julio de 2013

O tramo do accidente tiña o sistema de seguridade analóxico de hai medio século

No tramo fatídico de catro quilómetros que separa o final da infraestrutura da liña de velocidade alta entre Ourense e Santiago de Compostela, os equipos de seguridade instalados na vía, dous sistemas de balizas, son de Asfa Analóxica, unha tecnoloxía desenvolvida por Renfe e Dimetronic nos anos 60 do pasado século. Esta información foi confirmada o sábado por un portavoz oficial de Adif, quen xustificou este feito en que "as balizas do sistema de Asfa Dixital están a ser desenvolvidas polas empresas Dimetronic e Indra e aínda non están dispoñibles".


Enxeñeiros de camiños que participaron na construción de varias liñas de alta velocidade e na adaptación dalgunhas convencionais confirmaron que no tramo indicado só están instalados dous sistemas de sinais de Asfa Analóxico, o que cualificaron de "gran barbaridade".

Estas fontes indicaron que non existe en toda a rede española outro tramo no que se obrigue aos trens a baixar de 200 a 80 quilómetros por hora de velocidade. Esta drástica redución da velocidade vese ademais agravada polo feito de que a operación está "desastrosamente mal sinalizada" con dous sinais de Asfa Analóxico, un cartel indicador e un libro de abordo, o que deixa nas exclusivas mans do maquinista a realización dun freado moi drástico sen ofrecer ningún soporte tecnolóxico alternativo para evitar as fatais consecuencias dun erro humano.

"É coma se ao final dunha autoestrada na que se pode ir a máis de 200 quilómetros por hora se coloca unha rotonda indicada con dous sinais convencionais de prohibición de superar a velocidade de 80 quilómetros por hora", explican esas fontes.

Noticia completa: http://praza.com/politica/5129/o-tramo-do-accidente-tina-o-sistema-de-seguridade-analoxico-de-hai-medio-seculo/

No hay comentarios:

Publicar un comentario