A mocidade de esquerda nacionalista e independentista manifestarase xunta na véspera do Día da Patria. Así o anunciaron este martes en rolda de prensa representantes das oito organizacións convocantes (Adiante, Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca! e Liga Estudantil Galega) que convocan a unha mobilización que sairá o vindeiro día 24 de xullo ás 20 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela.
A marcha reivindicativa percorrerá as rúas da zona vella da capital galega e rematará cun acto política nunha praza aínda por determinar. As oito organizacións políticas e estudantís chamaron a mocidade "galega e consciente" a saír unida á rúa "para rexeitar o marco xurídico-constitucional vixente e reivindicar para Galiza a plena soberanía".
Ademais, tamén se presentou o manifesto conxunto asinado polas organizacións convocantes e no que se denuncia a "situación extrema" que están a padecer as mozas e mozos galegos, "froito da dominación que o patriarcado, o sistema capitalista e o Estado español exercen sobre as súas vidas e sobre o dereito a decidir como pobo".
As oito organizacións consideran esta convocatoria unitaria como "un paso moi importante na unidade de acción de quen desde a autoorganización xuvenil e estudantil defenden un proxecto de liberación nacional e transformación social", e aseguran ser conscientes de que o "combate unitario en favor da independencia é a única vía de futuro que ten Galiza para saír da devastación económica, social e cultural".
Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/4939/as-mocidades-soberanistas-manifestaranse-unidas-e-pola-independencia-o-24-de-xullo/
No hay comentarios:
Publicar un comentario