viernes, 1 de marzo de 2013

Pescanova presenta preconcurso de acredores pola súa alta débeda


A compañía galega Pescanova vén de solicitar o preconcurso de acredores no decanato de Pontevedra, que terá que derivalo a un dos xulgados galegos. A decisión chega despois de que, tal e como adiantou Faro de Vigo, a compañía anunciase a súa decisión de non formular as contas anuais de peche de 2012 até non coñecer dúas condicións relativas á certeza da venda de determinados activos de cultivo de salmón ou a renegociación da débeda a través do inicio do proceso de preconcurso de acredores.


Pescanova non fixo declaracións máis aló do comunicado remitido á CNMV, que suspendeu preventivamente a cotización da empresa a petición da compañía "por concorrer circunstancias que puidesen perturbar o normal desenvolvemento das operacións sobre o valor".

A firma ten unha importante débeda. O seu pasivo a longo e curto prazo ascende a 1.522 millóns de euros ao peche de setembro de 2012, dos cales 459 millóns corresponden a acredores comerciais, obtivo un beneficio neto de 24,9 millóns de euros no nove primeiros meses do pasado exercicio, un 2,2% máis, grazas ao avance das súas vendas no exterior e á boa marcha dos seus proxectos de acuicultura.

A facturación da compañía alimentaria aumentou un 8,9% entre xaneiro e setembro, até 1.149 millóns de euros, impulsada polo negocio internacional, que creceu un 14%. As vendas no mercado español subiron un 2,8%, "como resultado da forte presenza do grupo no sector de produtos do mar".

Noticia completa: http://praza.com/economia/3738/pescanova-presenta-preconcurso-de-acredores-pola-sua-alta-debeda/

No hay comentarios:

Publicar un comentario