martes, 19 de marzo de 2013

Os pais e nais da escola pública mobilizaranse contra o pago nos comedores


"Ante isto, non imos quedar calados; queren acabar coa escola pública e non o imos consentir". Así de contundente se mostra a Confapa, confederación que agrupa as asociacións de pais e nais galegas, a través da súa presidenta, Helena Gómez, que cualifica "xa non de recorte, senón de ataque" a última medida aplicada pola Consellería de Educación e que supón que un terzo do alumnado do ensino público teña que pagar por xantar no centro, e logo de que se deixase de ter en conta a distancia ao colexio para calcular o custo do servizo.


O prezo máximo fixado pola Xunta para prestar este servizo de comedor increméntase en plena crise un 40,2% a respecto do curso anterior, ao tempo que polo comedor, que ata agora eran de balde para o 91,82% do alumnado, terá que ser sufragado polo 43,26% do alumnado, segundo a propia Consellería de Educación.

A partir do vindeiro curso, unha familia con dúas persoas adultas que cobren algo máis de 1.125 euros ao mes cada unha terá que pagar uns 90 euros mensuais polo comedor escolar do seu fillo ou filla, que custará 4,50 euros ao día. Ese será o prezo máximo, mentres a Xunta sostén que se mantén a "gratuidade total" para as "rendas baixas". No entanto, as familias de entre un e dous fillos en idade escolar con renda per cápita de entre 7.000,01 e 8.000 euros ao ano, tamén terán que pagar o comedor. Un euro ao día -uns 20 euros ao mes-, o mesmo que para as familias numerosas que ingresen máis de 7000,01 euros per cápita.

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/3895/os-pais-e-nais-da-escola-publica-mobilizaranse-contra-o-pago-nos-comedores/

No hay comentarios:

Publicar un comentario