miércoles, 27 de marzo de 2013
O PP ve na educación sexista e ultrarrelixiosa "unha modalidade educativa de absoluta liberdade"
"Unha modalidade educativa de absoluta liberdade de elección para os pais e que nin discrimina nin segrega". Así definiu o deputado do PP Román Rodríguez a oferta de ensino concertado que realizan cinco centros galegos que separan o alumnado en función, en palabras da parlamentar do BNG Carme Adán, "dunha adscrición física, o sexo, e dunha construción social, o xénero".
Onde as tres formacións políticas da oposición que teñen representación na Cámara galega ven educación sexista o PP mete con calzador a "liberdade de escolla" e, obviando que o que se está a debater é o financiamento con 12 millóns de euros en catro anos deses cinco colexios vinculados ao Opus Dei, Román Rodríguez subliña que "ninguén obriga a ningunha familia a mandar os nenos a un centro deste tipo". Ao seu entender, non existe ningún tipo de discriminación porque "os nenos non fan deporte a cuberto namentres as nenas se mollan no patio" nin existen diferencias "non medios ou no financiamento".
Actividades extraescolares que perpetúan os roles de xénero
De entrar o deputado Rodríguez no portal web de calquera destes colexios (Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña), vería que as diferencias quedan á vista con ollar só as actividades extraescolares que uns e outros propoñen, dependendo de se nos seus pupitres sentan mulleres ou homes. Para elas os deportes que se ofertan son baloncesto, patinaxe, aerobic, ximnasia rítmica e un obradoiro de costura ofertado como 'La aguja mágica'.
Porén, eles poderán practicar judo, tenis, esgrima e fútbol-sala. Outras imaxes mostran unha moza durante unha sesión "orientada a desenvolver a psicomotricidade en bebés" ou nenas vestidas cun mandilón rosa poñendo unhas plantas no que semella un invernadoiro. En definitiva, actividades extraescolares definidas en función dos roles de xénero.
Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/politica/coles-sexistas/20130326180903013025.html
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario