O xigante da venda de artigos electrónicos e culturais Fnac vén de anunciar que recortará nun 15% os salarios d@s 2.400 operari@s que traballan nas 24 tendas que posúe en todo o Estado. A da Coruña, única fincada na Galiza, dá emprego a por volta de 50 persoas.
Para alén da rebaixa nos soldos, tamén lles retirará o seguro médico, "único beneficio social de que goza o cadro de persoal", segundo denuncia Francisco Castro, sindicalista de UGT e voceiro do comité de empresa.
Explica Castro en declaracións a Sermos Galiza que o cadro de persoal do Fnac-A Coruña irá á folga indefinida a partir do día 25 co obxectivo de que a empresa recúe, pois a "drástica" redución de beneficios en que se escudan "non existe". Non manexan datos de Galiza pois sinala que "a información que nos chega desde a empresa está bastante manipulada" e que "mudaron as cifras declaradas desde que presentaron o ERE". Con todo, o certo é que a transnacional non deixou de gañar cartos nin un só exercicio desde o estalo da crise capitalista. Desde 2008 até hoxe incrementou o seu haber en máis de 60 millóns de euros. "Fnac-España e Fnac-Portugal son as tendas que máis ingresos reportan", acrecenta o sindicalista, cifrando aqueles no 25% do total.
O procedemento aberto para recortar nos seus dereitos laborais é, ao entender do representante d@s traballador@s da Coruña, "abusivo, innecesario e inxustificado". Castro achácao á saída a bolsa da empresa. A reforma laboral aprobada polo PP deixa vía libre para continuar con este plan, que vén sumarse ao despedimento de 214 traballador@s practicado en 2012. Na tenda fincada na cidade herculina foron catro as persoas despedidas e os seus postos non se cubriron.
Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/economia/folga-indefinida-na-fnac-da-coruna-a-empresa-suprime-o-seguro-medico-e-reduce-os-soldos-o-15/20130320112819012729.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario