lunes, 4 de marzo de 2013

Edís do PP e do PSOE desautorizados polos seus partidos respaldan unha moción de censura contra o BNG en Vimianzo


A vida política de Vimianzo foi calquera cousa menos tranquila nos últimos lustros. A capital da terra de Soneira tivo na Alcaldía durante máis de vinte anos a Alejandro Rodríguez, o característico rexedor que gobernou baixo as siglas do PSdeG ata que foi expulsado no ano 2009 por achegarse ao PP e, segundo a dirección federal do PSOE, chegar a pedir o voto para os conservadores.
Xa fóra das filas socialistas Rodríguez puxo en marcha Independientes por Vimianzo, formación pola que concorreu ás eleccións municipais de 2011, tras as que non chegou a recoller a súa acta de concelleiro. Aqueles comicios deixaron un complexo panorama no consistorio, con tres edís do PSdeG, outros tantos de Independientes, os mesmos do PP e catro do BNG, que asumiu a alcaldía na persoa de Manuel Antelo. Menos de dous anos despois, unha alianza non menos peculiar que o ex rexedor tenta tombar o goberno local.

O pasado sábado sete concelleiros da corporación rexistraron unha moción de censura contra Antelo. Son os tres de IxV, dous socialistas e dous populares, xa que nin o voceiro do PSdeG nin o do PP secundaron a operación. Os edís censores basean a súa moción en motivos clásicos neste tipo de operacións: "desgoberno", "ingobernabilidade absoluta", "perda de confianza" ou "autoritarismo" e promoven como alcalde a Manuel Rodríguez, ata agora no grupo socialista. Tanto a dirección nacional do PSdeG como a provincial do PP xa se apresuraron en desautorizar os edís rebeldes e en desmarcase da censura, se ben pouco máis poden facer que instalos a non culminala, xa que as actas pertencen a cada concelleiro, e non ao grupo polo que foron elixidos. Mentres, o alcalde amósase convencido de que non se enfronta a unha "moción de censura", senón a unha "moción de corrupción".

Noticia completa: http://praza.com/politica/3749/en-vimianzo-a-mocion-non-e-de-censura-e-de-corrupcion/

No hay comentarios:

Publicar un comentario