miércoles, 27 de marzo de 2013
Centos de persoas maniféstanse en Xinzo contra a mina de feldespatos
Centos de persoas participaron este mércores na concentración convocada pola Plataforma veciñal Corno do Monte para protestar contra a mina de feldespatos que a empresa Minercer S.L. de Castellón pretende levar a cabo en varias parroquias de Xinzo de Limia. As faixas e berros dos participantes repetían slogans como "A mina ou nós", "Na Limia non a Mina", "Non a mina", "quen queira feldespatos que vaia a Castellón" ou "A Xunta decide: A mina ou nós".
A presidenta da Plataforma Veciñal, Maricarmen Díaz, leu un manifesto en contra da mina no que reivindicou "o dereito dos veciños a vivir nas súas casas e nas súas aldeas". Aproveitou a ocasión para anunciar que os dereitos de explotación de Minercer van dende Ganade a Sarreaus, "polo que no futuro sería posible que se levase a cabo outra mina das mesmas condicións" nese espazo. Engadiu que este proxecto "afecta a todos, xa que hoxe somos nós pero mañá pode ser calquera outro pobo da zona".
Anunciou que se seguirán a facer concentracións cidadás no mesmo lugar en todas as feiras do 27, até que a Xunta entenda “que non se nos pode quitar o que é noso, que non se poden tomar decisións en contra do bo xuízo, nin se poden tomar decisións en contra dos intereses da Limia e finalmente non se debería escoller unha mina en contra das persoas que vivimos e traballamos aquí”, en alusión aos máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos que se destruirían se a mina vai adiante. Rematou sinalando que “non o imos consentir de ningún xeito, loitaremos ata o final aínda que dure os trinta anos que pode durar a concesión, nin hoxe nin nunca vamos consentir que nos quiten o noso”. E engadiu que “a Xunta ten que escoller entre a mina ou nós”.
Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/3983/centos-de-persoas-manifestanse-en-xinzo-contra-a-mina-de-feldespatos/
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario