O obxectivo do libro queda claro desde o título. Outros autores revisaron o mito creado arredor da transición, pero se cadra faltaba unha obra que tratase o tema en xeral e desde unha perspectiva galega. Era a idea?
Si. É un tema que aquí case non está estudado. Hai un traballo feito por Beramendi, A transición en Galicia, no que eu me baseei, pero para facer unha interpretación máis "politicamente incorreta". A orixe do libro é un encargo de A Nosa Terra de hai xa catro ou cinco anos. Polo medio quebrou A Nosa Terra e ofrecinllo, entón, a Pancho Pillado. Non había precedentes aquí no sentido de que non se tratara moi en serio a cuestión. O libro de Beramendi non tivera demasiada circulación...
Non hai case fontes primarias no libro. Nese sentido, é máis un traballo de síntese do período estudado, non si?
É un ollar de síntese, si, que ofrece unha interpretación propia do acontecido. Si fixen investigación de arquivo para a parte dos medios da esquerda radical, que era un tema que estaba sen estudar.
"Se comparas o que defendían o PC e o PSOE ao principio co que acabaron aprobando, a diferenza é abismal. E houbo engano porque non lle dixeron ás súas bases que o seu proxecto era imposíbel de realizar naquel momento"
Unha das conclusións que tiras é que as forzas de oposición democrática e de esquerdas enganaron a súa base social ao renunciar ás súas aspiracións. Se cadra pode ser un dos alicerces da desafección política posterior...
Esta é unha idea que xa recolle Josep Fontana, que fora militante do PSUC. Se comparas o que defendían o PC e o PSOE ao principio co que acabaron aprobando, a diferenza é abismal. E houbo engano porque non lle dixeron ás súas bases que o seu proxecto era imposíbel de realizar naquel momento, senón que presentaron o que era un fraude como unha opción marabillosa e o único camiño posíbel. E isto respondeu, no caso do PSOE, a unhas ambicións concretas, alimentadas pola socialdemocracia internacional, de converterse no alter ego da dereita franquista reciclada. O PC, pola súa banda, careceu de visión política, de capacidade de análise para procurar unha saída diferente. E este engano, xunto co posterior período de goberno de Felipe González, que se mostrou como o inicio dunha etapa de políticas conservadoras, creou un desencanto na esquerda, claro.
"O franquismo conseguiu que a xente pensase que o mellor é que cada quen se limite a ocuparse da súa vida. Isto callou no corpo social no contexto, primeiro, da posguerra, pola pura necesidade de sobrevivir"
O "autismo" supostamente apolítico e "ilusoriamente libertador das presuntas ruindades dos políticos" dos galegos contribuíu, dis, a reproducir a súa subalternidade. E nesa actitude de desconfianza cara á política ves unha continuidade do "consentimento" da poboación cara ao franquismo, tal como foi definida por Ana Cabana...
Con iso aludo á psicoloxía do pobo galego -evidentemente, non de todo-. Ese discurso de rexeitamento da política fora creado polo franquismo: non se meta vostede en política, que leva a males como a guerra. E o franquismo fixo moi ben isto, apoiado no seu aparato de propaganda ou en organizacións como, por exemplo, nas Hermandades de labradores. Conseguiu que a xente pensase que o mellor é que cada quen se limite a ocuparse da súa vida. Isto callou no corpo social no contexto, primeiro, da posguerra, pola pura necesidade de sobrevivir. E despois, nos anos 60, esluído xa o recordo dos anos do terror, e cando as clases operarias comezan a acceder a certo grao de benestar, deu lugar a outras ideas como que o franquismo non era tan malo, pois deixara atrás a miseria da posguerra e aínda nos permitira emigrar cando había fame. Despois a sociedade galega foi cambiando e os problemas xa se volveron máis homologables aos de calquera outra sociedade europea, pero nestes primeiros tempos si había, maioritariamente, unha actitude prepolítica, cimentada en toda a historia de represión e propaganda do franquismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario