miércoles, 2 de enero de 2013
Cincuenta e catro anos de revolución marcan o futuro de Cuba
Había tres anos do inicio da revolución en Sierra Maestra cando o ditador Fulgencio Batista e boa parte dos seus tomaron rumbo á República Dominicana a bordo de catro avións. Fuxían da inminente vitoria do exército rebelde liderado por Fidel Castro que tomara xa a cidade de Santa Clara e avanzaba camiño da capital acompañado dun afervoado clamor popular. A súa saída do país puña fin a unha ditadura iniciada cun golpe de estado en 1952 e daba comezo a un novo tempo para o pobo cubano.
O primeiro de xaneiro de 1959, iniciábase en Cuba un proceso revolucionario encamiñado a devolver a soberanía ao pobo e a desenvolver un proceso de transformación social asentado no socialismo como única vía. Naquela altura o 80% d@s cuban@s pagaban unha renda por traballaren unha terras cuxos propietarios eran as máis das veces, compañías estadounidenses. Tamén así, as empresas eléctrica e telefónica eran xestionadas polos EUA e case a práctica totalidade da poboación era analfabeta e non gozaba de asistencia sanitaria. A partir do triunfo recolucionario, o principal obxectivo das leis promulgadas polo goberno encamiñaríanse a pór fin a esta situación, nomeadamente a través da lei de Reforma Agraria.
Os cambios decorridos na illa desde a vitoria do exército rebelde vense reflectidos nos indicadores internacionais que sitúan a Cuba como o país con maior Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) da rexión América Latina e Caribe, ao tempo que entre os mellores sistemas educativos e sanitarios do mundo. Neste senso, Cuba foi o único país en cumprir practicamente na súa totalidade cos 'Obxectivos do Milenio' aprobados polas Nacións Unidas en 2000 e continúa a desenvolver programas de desenvolvemento social para alén das súas fronteiras proporcionando, por exemplo, axuda humanitaria e médica noutros territorios de América Latina (Venezuela) e África. Malia as dificultades xurdidas durante a Guerra Fría, nomeadamente a partir do estabelecemento do bloqueo económico, comercial e financeiro polos EUA en 1962; o modelo cubano resiste e continúa avanzando após máis de cincuenta anos da vitoria.
Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/internacional/cincuenta-e-catro-anos-de-revolucion-marcan-o-futuro-de-cuba/20130101221237009120.html
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario