"Xa estamos cansos, ata aquí chegamos; isto ten que dar marcha atrás", di a presidenta da Confapa
Malia os continuos insultos e provocacións recibidas desde o Executivo central, as anpas non dubidan do seu apoio á folga. Cualificados de "extrema esquerda radical antisistema" por parte do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e comparados "cos de Batasuna" por parte do voceiro do PP no Congreso, Alfonso Alonso, os pais prefiren morder a lingua. Así, Helena Gómez aclara que as palabras son "tan, pero tan graves" que prefire non contestar directamente. "O que eu non vou facer é insultar coma eles; seremos extremistas ou o que el queira, pero coido que o que pretende é desviar a atención, incluso cando fala de españolizar nenos cataláns", explica a presidenta da Confapa, que advirte de que a súa postura, e a da maioría da comunidade educativa é clara: "Estamos pedindo a dimisión inmediata de Wert e de todo o seu equipo porque non están capacitados para levar o Ministerio de Educación".
"As palabras de Wert son moi graves, pero eu non penso insultalo como fai el; só pido a súa dimisión"
Ademais, e ante as críticas de quen acusa as anpas de querer "intrumentalizar e politizar os cativos", Gómez é clara. Como nai e como responsable da confederación."O que facemos é un exercicio de civismo, de educación en liberdade; pedimos aos pais que non leven os rapaces ao colexio porque a maioría social deste país está sufrindo os continuos recortes e para que os nenos aprendan que o seu futuro depende destes axustes e da reforma educativa", explica, logo de aclarar que a convocatoria vai destinada unicamente "a aquelas familias que poidan conciliar". "Evidentemente, os nenos teñen que estar nos centros se ningún dos pais pode quedar con eles", matiza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario