domingo, 21 de octubre de 2012

Máis abstención e denuncias de carrexo de votos en Lugo e Ourense

A Xunta de Galicia informa que houbo "algunha manifestación" nas portas do CEIP García Barbón de Vigo. Alí acudira a votar o candidato do PPdeG.

Os primeiros datos apuntan a que as protestas tiveron lugar fóra do colexio electoral. Polo tanto, o candidato conservador puido exercer o seu dereito sen problemas. Tratábase dun grupo de militantes de Ceivar manifestándose a prol dos presos.

Feijóo atendeu aos medios e insistiu en desvincular os resultados dos recortes que está aplicando o Goberno de Mariano Rajoy. "Non nos xogamos como lle vaia ao Goberno Central, iso decidímolo hai un ano. Decidimos como lle vai a Galicia e a nosa capacidade de saír da crise", declarou.

Por outra banda, os primeiros datos de participación apuntan a unha caída dos sufraxios, que tamén se constatou na solicitude de votos por correo. En 2012 até as doce do mediodía votaran na Coruña 12,42% do censo, en Lugo 12,97%, en Ourense 15,73% e en Pontevedra 11,91. En 2009 na Coruña 15,11%, en Lugo 16,36%, en Ourense 20,87% e en Pontevedra 15,48%. Isto dá un global do 12,4% cando hai catro anos era do 16,1%. Dicíase que a abstención favorecía á dereita, pero os últimos comicios gañounos Feijóo con récord de participación. A evolución da participación pode seguirse no gráfico de portada do GC.

Carretaxe

A nivel de incidentes cómpre destacar que Alternativa Galega de Esquerdas denuncia a carretaxe de anciáns no colexio río Neira de Lugo.

Hai testemuñas gráficas de que o expresidente provincial do PP José Luís Iravedra e unha exconcelleira do PP acudiron ao colexio empurrando anciáns en cadeiras de rodas, malia que en principio non son familiares seus. AGE levará o caso á Xunta Electoral.

La Voz publicou unha serie de fotos da carretaxe, nas que se recoñece perfectamente a Iravedra e a exconcelleira Teresa Taboada.

En todos os comicios electorais galegos son frecuentes as noticias de carretaxe de persoas maiores e doentes, sobre todo nas zonas do rural. Por exemplo, @oscar_sanchez acaba de publicar novas imaxes de carretaxe de persoas en cadeira de rodas por parte de monxas, neste caso en Ourense.

A última hora é que o PSdeG presentará denuncia ante a Xunta Electoral por carretaxe de votos no Carballiño, Rairo e Ramirás.

No hay comentarios:

Publicar un comentario