viernes, 26 de octubre de 2012

Despois da batalla: que pasou nas eleccións galegas

"Son as eleccións máis raras que vin na miña vida". Un alto dirixente dun partido estatal cunha dilatadísima traxectoria lanzaba esta reflexión na primeira xornada da campaña electoral que culminou nas eleccións do pasado 21 de outubro. A crise económica, os recortes, a desafección política que rexistran estudos coma os do CIS e a reestruturación do mapa partidario do país pola banda da esquerda abrían un escenario case imprevisible, no que convivían inquéritos que afianzaban a Alberto Núñez Feijóo nunha folgada maioría absoluta -como finalmente aconteceu- con outros que deixaban aberta a porta a un cambio de cor política no Goberno da Xunta. Chegou o 21-O e o PP non saíu indemne ao ollar o cómputo de votos pero si saíu reforzado, pasando de ter un a ter tres escanos sobre a maioría absoluta. Mentres, a que fora oposición parlamentaria de PSdeG e BNG desplomouse mentres emerxeu a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) liderada por Xosé Manuel Beiras. E todo isto, por que?

"Nas eleccións materializouse unha situación larvada, que é a crise do PSOE e do BNG, como organizacións e como alternativa conxunta". Quen realiza esta reflexión é Carlos Neira, economista e experto en análise demoscópica e electoral, para quen AGE "veu ocupar, sen querelo" e "sen ter un proxecto maduro, unitario e claro", "o espazo que deixaron PSOE e BNG" tras compartir o Goberno da Xunta. Tras perderen o Executivo en 2009 as relacións de socialistas e nacionalistas racharon e na campaña "era tarde" para amosar a unidade. "Tentouse escenificar en campaña para apañar votos", asegura.

Nun sentido semellante analiza o acontecido Francisco Martínez Hidalgo, profesor e politólogo especializado en comunicación política. "A única opción estratéxica que tiñan PSdeG e BNG era amosarse como alternativa de Goberno" e "non caer na trampa da polarización" que, na súa opinión, supoña tanto como "destacarse como unha alternativa distinta á que propuña AGE e ao que propuña o PP". "Optaron por insistir na polarización e na crítica ao PP" e iso, ao seu xuízo, contribuíu á aposta da formación de Beiras e dos populares por "utilizarse un ao outro".

No hay comentarios:

Publicar un comentario