martes, 23 de octubre de 2012

Como evitou Feijóo o castigo nas urnas


Existe na política unha regularidade empírica universal: cando aumenta o paro, os gobernos perden votos e cando se crea emprego, as opcións de supervivencia do goberno aumentan. Os expertos chámano “voto económico” e é o culpable da caída de case todos os gobernos europeos que tiveron unha cita nas urnas nos últimos anos. Polo xeral, os expertos calculan que os gobernos perden ao redor dun punto porcentual de apoio electoral por cada aumento dun punto da taxa de paro. Así, segundo esta regra, o PSE de Patxi López debería retroceder 4 puntos porcentuais e o PP de Feijóo 9 puntos. A realidade foi outra ben distinta. Os socialistas vascos multiplicaron case por catro o castigo electoral que cabería esperar (12 puntos) e, en cambio, en Galicia, o desgaste do PP foi practicamente imperceptible (1 punto). Como se explica este paradoxo? Por que a economía quedou á marxe das urnas en Galicia?

A priori, os datos económicos e de opinión pública deberían levarnos á conclusión de que o goberno galego merecía un castigo electoral maior que o goberno vasco. Por unha banda, a economía deteriorouse moito máis en Galicia que no País Vasco. Fixémonos no desemprego: durante o último mandato, o emprego caeu case oito puntos en Galicia, unha porcentaxe superior á media española e que representou nada menos que o dobre comparado co País Vasco. Polo outro lado, as percepcións económicas dos cidadáns antes das eleccións foron máis negativas en Galicia. O 68% dos galegos consideraban a situación económica mala ou moi mala (58% no País Vasco) e o 41% valoraban negativamente a xestión do goberno galego (36% no País Vasco). En suma, se a economía ten algunha influencia sobre as eleccións (que polo xeral a ten, e moito) deberiamos ver un maior desgaste electoral do Goberno de Feijóo que do de Patxi López.

Noticia completa: http://praza.com/politica/2459/como-evitou-feijoo-o-castigo-nas-urnas/

No hay comentarios:

Publicar un comentario