sábado, 13 de octubre de 2012

A ofensiva dos “illuminati”

Se gaña as eleccións, o partido de Núñez Feijóo modificará as normas que regulan a función pública coa finalidade de que os directivos que ocupan responsabilidades de orixe político-partidaria podan se converter en funcionariosde xeito automático: “Se garantirá o acceso e a permanencia nesa carreira de conformidade a criterios obxectivos, así como a posibilidade de promocionar dentro dela", din o programa do grande partido da dereita.

É dicir, os directores xerais, os delegados territoriais e numerosos asesores ou técnicos que teñan sido contratados polo Consello da Xunta (a maioría deles na aplicación de criterios de afinidade e/ou fidelidade partidaria) terían unha especie de “dereito de pernada funcionarial”.
Máis claro: No caso dos postos de traballo públicos de alta responsabilidade, que son os únicos que infúen directamente na toma de decisións do poder executivo, non pagará a pena estudar e facer oposicións, pois o camiño máis doado e tamén o máis seguro para obter praza será afiliarse a un partido con posibilidades de goberno, medrar na súa estrutura e gañar a confianza da cúpula da organización.Aínda máis clariño: O obxectivo é legalizar os lobis partidistas na Administración.

Ao marxe das consecuencias laborais e tamén do elevado custe orzamentario que tería esa reforma, a iniciativa é un paso adiante dos partidarios de que a xestión do Estado esté nas mans dunha caste de elexidos ao marxe das urnas, o que a medio ou longo prazo pode converter o exercizo democrático de votar nun formalismo de moi reducida repercusión na administración dos servizos e dos bens públicos.

Estas liñas resumen de xeito apresurado e xeral o que en rigor só é unha posibilidade, certo, pois o PP aínda non gañou as eleccións do 21-O e, por outra banda, a legalización dos lobis partidistas na Administración podería ser rexeitada polos tribunais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario