sábado, 20 de octubre de 2012

A campaña que mostrou o PP en estado puro

Ante promesas incumpridas, repetición de promesas. Ese só é un dos retrousos sobre os que pivotou a campaña electoral do PP, na que salientou o distanciamento que o candidato Feijóo procurou respecto Mariano Rajoy, para evitaren que o rexeitamento social contra os recortes ditados desde o Goberno central teña o seu correlato electoral.

O PP puxo en marcha, máis que nunca, a súa enorme maquinaria partidaria cara a este domingo decisivo onde todas as opcións están abertas, mesmo a da súa saída do Goberno galego coa perda da maioría absoluta.

Feijóo tentou esquivar facer balanzo, reiterándose nalgunhas das promesas que xa fixera en 2009

Feijóo tentou esquivar facer balanzo, reiterándose nalgunhas das promesas que xa fixera en 2009 malia ter liderado o Goberno galego durante os últimos tres anos e medio. A respecto da súa xestión de Goberno, o popular insistiu en presentar o “control do déficit” como o seu primeiro logo, facendo uso del como demostración da “solvencia” da nosa comunidade. Porén, os datos do Consello de Contas, avalados por un ex conselleiro de Manuel Fraga, viñan a informar de que o control “exemplar” do déficit non fora exactamente tal. Nun informe asinado por Xosé Antonio Orza, sinálase que Xunta desprazou de xeito irregular 411 millóns de euros para facer cadrar os números en 2010, traspasando facturas por ese importe ao exercicio seguinte. Feijóo defendeuse asegurando que o referido informe era só un borrador, mais o certo é que o mesmo xa está aprobado e unicamente fica á espera de alegacións.

Non sería o único “axuste” contábel que permitiu a Feijóo salvar os límites de déficit fixados por Madrid. En 2009, segundo recolleu o diario El País, volvería haber un traspaso de gasto, neste caso de 80 millóns de euros do Sergas que pasaron de 2009 a 2010. Así o recolleu tamén o Consello de Contas nun informe que non recibiu alegacións do executivo galego.

Diversas fontes apuntan que no exercicio de 2011 a ocultación de números sería aínda maior. Súmase ademais o feito de que a débeda pública galega se teña triplicado durante o mandato que remata, igualando a xerada pola suma de todos os gobernos autonómicos anteriores, e malia os graves recortes realizados en partidas de gasto como a sanitaria ou a educativa. Estes datos refutarían o retrato económico que Núñez Feijóo presentou reiteradamente.

Entre as promesas revisitadas destaca a que se refire ás listas de agarda sanitaria, un dos principais cabalos de batalla da anterior campaña electoral en 2005

As masivas protestas contra dos retallamentos na sanidade pública deixaban pouco espazo para o discurso de Feijóo. Porén, o candidato popular intentou esquivar as críticas contrapoñendo datos dos centros de saúde e hospitais construídos durante a lexislatura, ou en vías de facelo, inda que obviando a fórmula público-privada para o seu financiamento e xestión. Fórmula que foi rexeitada tanto pola oposición como pola cidadanía que protagonizou grandes procesos mobilizadores, como por exemplo en Vigo contra o proxecto de novo Hospital da cidade. Pouca sensibilidade demostrou Feijóo ao negar en directo, durante o debate televisado co candidato do BNG –Francisco Jorquera, a información que se refería ao sufrimento dun paciente do Sergas que leva desde maio agardando por atención ao seu cancro, que finalmente resultou totalmente confirmada.

Entre as promesas revisitadas destaca a que se refire ás listas de agarda sanitaria, un dos principais cabalos de batalla da anterior campaña electoral en 2005, coa proposta dunha lei de prazos de espera que garanta un máximo para de espera. Precisamente, o aumento nos últimos anos dos tempos de espera sanitaria foi unha das críticas verquidas desde a oposición e organizacións sanitarias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario