viernes, 13 de septiembre de 2013

80 anos dende que Galicia é, oficialmente, nación

“Calquera que sexa o réxime político en que Galiza viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”. Deste xeito Plácido Castro subliñou a importancia histórica da participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, que se celebrou do 16 ao 18 de setembro de 1933, e que supuxo o primeiro recoñecemento oficial do país como nación. O recoñecemento chegou nun momento no que a Sociedade de Nacións (o equivalente no perido de entreguerras á actual ONU) comezou a perder autoridade, en boa medida polas tensións que acabaron levando á Segunda Guerra Mundial. Porén, o feito histórico e legal ficou e o propio Castelao no Sempre en Galiza salienta que “Galicia é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”.


Celébranse esta semana os 80 anos deste recoñecemento, escasamente reivindicado na actualidade, mesmo dende boa parte do galeguismo.  En boa medida foron nos últimos anos o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e a propia Fundación Plácido Castro os que con máis forza chamaron a atención sobre a importancia do evento, sobre todo no 75 aniversario, coa organización dunha mesa de debate e coa colocación dunha placa na casa de Plácido Castro en Vigo. Daquela Xulio Ríos destacaba que "fóra do fin político de cada un, xa sexa a autodeterminación, a independencia, o autonomismo, o rexionalismo..., o sucedido en 1933 é un feito histórico" e laiábase que "é unha realidade da que hai un gran descoñecemento na sociedade e que os líderes políticos galegos non deberían obviar".

Xa nos anos trinta Galicia achegouse a este organismo da man de vascos e cataláns e despois de que unha delegación do CNE (liderada polo seu secretario xeral, o estonio E. Ammende) realizase unha visita ao noso país

O Congreso de Nacionalidades Europeas naceu en 1925 para reivindicar o dereito á autonomía (administración nacional propia) e ao libre desenvolvemento cultural das nacións sen Estado e das minorías nacionais existentes en Europa. Rexeitaba a modificación das fronteiras políticas existentes e reclamaba sistemas electorais que permitisen ás minorías contar cunha representación proporcional á súa significación numérica. Para ingresar no Congreso "a parte solicitante debía achegar probas ou manifestacións que evidenciaran a súa existencia mediante signos exteriores demostrativos dunha vida colectiva con carácter duradeiro", como recolle o IGADI nun especial.

Noticia completa: http://praza.com/politica/5423/80-anos-dende-que-galicia-e-oficialmente-nacion/

No hay comentarios:

Publicar un comentario