martes, 18 de junio de 2013

O PP veta a condecoración ao bombeiro que se negou a desafiuzar a Aurelia Rey

O desafiuzamento de Aurelia Rey, a anciá coruñesa á que os donos da vivenda na que vivía de alugueiro querían botar da casa o pasado febreiro, foi freado grazas a varios factores. Á presión social de colectivos como Stop Desfiuzamentos, apoiados por grupos políticos como o BNG e Esquerda Unida, uniuse a negativa dun bombeiro que se negou a colaborar activamente nos desaloxo, aínda que as autoridades o chamasen para esa fin. O bombeiro, como o deputado Francisco Jorquera e os edís Xosé Manuel Carril e César Santiso, foi proposto para unha sanción pola Subdelegación do Goberno en Galicia e este martes AGE tentou, sen éxito, que o Parlamento o propuxese para algo ben distinto: a medalla ao mérito de Protección Civil.



"Vivimos nun país no que as cousas funcionan ao revés, no canto de poñer en valor o traballo solidario, comparan con terroristas as persoas que se manifestan" e mesmo as sancionan, reprocha a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, para quen o bombeiro empregou "un dereito fundamental, a obxección de conciencia", amosando que "alén das normas, non se pode amparar ningunha conduta que vulnere os dereitos humanos". Pero "a resposta do PP é sancionar un funcionario que se coloca ao carón das vítimas desta crise criminal". Por todo isto AGE apostou pola condecoración e, ademais, por "reprobar a conduta impresentable do delegado do Goberno", Samuel Juárez, que "mesmo puxo en cuestión a conduta dos cargos políticos" presentes, aínda que sexa "radicalmente falso que empregasen condutas violentas".

Díaz: "O PP sanciona un funcionario que se coloca a carón das vítimas desta crise criminal"

Despois de que a iniciativa recibise o apoio de PSdeG e BNG chegou a quenda para o voceiro do PP, Gonzalo Trenor, quen se está a revelar nas últimas semanas como un dos debutantes que protagonizan intervencións máis controvertidas. "Leccións, as xustas", di o conservador, quen é da opinión que "a solidariedade hai que exercela cada un, no seu sitio". A xuízo de Trenor a única intención de AGE é introducir "división onde nunca a houbo" porque dende sempre "hai motivos de sobra" para "facer un recoñecemento ao esforzo e dedicación dos bombeiros", sobre os que "nos últimos anos penso que non houbo unha soa queixa polo seu traballo".

"Equivócanse de lugar, parece que en lugar da praza de Ourense están a falar de Tiananmen", argumenta o PP

"Equivócanse tamén de lugar", abonda o deputado do PP para xustificar o seu rexeitamento á condecoración. O desafiuzamento de Aurelia Rey producíase "na praza de Ourense [na Coruña] e parece que están a falar de Tiananmen", a cal, di, "non pasou á historia polo masacre de milleiros de estudantes feito polo exército comunista da China senón pola fotografía dun estudante de pé fronte a unha columna de tanques", alega. Por todo isto e porque ademais, ao seu xuízo, a actuación do bombeiro coruñés non se "axusta aos parámetros para a concesión da medalla ao mérito da protección civil", o PP rexeita a proposta, con independencia da "simpatía que se lle poida ter ou o mérito que queiramos darlle".

A posición conservadora tampouco se moveu na fin do debate, cando Díaz mesmo se amosou "disposta a retirar a miña intervención, para que vexa que non hai ningún interese de discurso político" se, en troques, o PP apoiaba "que se lle retire a sanción" ao bombeiro e "recoñezamos qeu a súa conduta foi exemplar e heroica". En calquera caso, para AGE si hai xustificación dabondo para a distinción, xa que a normativa vixente estipula que esas condecoracións as recibirán as persoas que "destaquen polas súas actividades" na protección da poboación e poidan, entre outros aspectos, estar expostos a "grave risco". "Parécelle pouco que un cunfionario público, nuns tempos nos que ata pode ser alegremente despedido, diga que non vaia executar ese lanzamento? Parécelle pouco risco?".

No hay comentarios:

Publicar un comentario