miércoles, 26 de junio de 2013

A emigración galega, moza e con rumbo a Madrid e Sudamérica

Galicia mingua e non o fai só porque o número de mortes supere ao de nacementos -no último ano, en máis de 10.000 persoas-. O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de facer públicos os seus datos de migracións correspondentes ao ano 2012 e, no caso galego, as cifras amosan que o decrecemento poboacional do país provocado pola emigración é, cuantitativamente, moi semellante ao que provoca o feito de padecer o peor saldo vexetativo do Estado. Non en van, máis de 25.000 persoas deixaron Galicia durante o ano pasado, das cales 10.365 colleron a maleta para marchar ao estranxeiro e 15.135, a outra comunidade autónoma.


Unha ollada máis pausada a estes datos permiten trazar unha caste de retrato robot da emigración. Esta radiografía amosa que o emigrante ou a emigrante galega -a diferenza entre sexos non é moi avultada- é unha persoa moza que ten como destino maioritario algún país sudamericano, no caso das denominadas "migracións exteriores", e a Comunidad de Madrid, nas "interiores". Concretamente, no último exercicio do que se dispoñen datos desagregados por países de destino, o de 2011, obsérvase que das 9.936 galegos e galegas que marcharon máis de 3.800 fixérono a Sudamérica, máis de 3.200 e a algún Estado da Unión Europea.

No que atinxe ao resto de autonomías, ao deterse nas máis de 15.000 persoas que decidiron abandonar Galicia en 2012 o INE amosa que 3.758 elixiron como destino Madrid. A continuación sitúase Catalunya, onde foron máis de 2.000 persoas. Tamén chegou máis dun milleiro de persoas procedentes de Galicia a Canarias (1.870), Andalucía (1.293), Castilla y León (1.094) e a Comunitat Valenciana (1.084). Esta preferencia por Madrid e Catalunya reprodúcese tamén en anos anteriores.

Noticia completa: http://praza.com/economia/4874/a-emigracion-galega-moza-e-con-rumbo-a-madrid-e-sudamerica/

No hay comentarios:

Publicar un comentario