martes, 7 de mayo de 2013

Só un de cada tres parados galegos percibe prestación por desemprego


Arredor de só un da cada tres parados galegos (o 37%) percibe algún tipo de prestación, polo que hai máis de 180.000 persoas desempregadas no país que non reciben ningún subsidio. Así o asegura un estudo da Fundación 1º de Maio elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste centro de estudos.
O obxectivo do traballo non é outro que "determinar cantos dos máis de seis millóns de parados que a EPA recoñece en España carecen de subsidio de desemprego", contrapoñendo así os datos dunha taxa de cobertura que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego, pero non na devandita Enquisa de Poboación Activa.

Neste detallado e completo informe, titulado Taxa de protección por paro segundo comunidade autónoma, sexo e idade, asegúrase tamén que as mulleres teñen en Galicia unha taxa de protección -en contraposición coa taxa de cobertura- doce puntos inferior á dos homes, así como que entre os mozos menores de 30 anos, tan só un da cada seis percibe prestación (o 17,3%), o que supón máis de 65.000 persoas novas.

Do mesmo xeito, no estudo aclárase que entre as persoas de entre 30 e 44 anos a taxa de protección é do 37,1%, polo que tamén algo máis dun cada tres (unhas 65.000) percibe algún subsidio de desemprego, aínda que a taxa feminina é dezaseis puntos menor. No entanto, é entre os parados maiores de 45 anos onde se dá maior protección, xa que algo máis dun de cada dous está protexido, aínda que esta taxa entre as mulleres é nesta ocasión vinte e tres puntos inferior á dos homes.

Noticia completa: http://praza.com/economia/4372/so-un-de-cada-tres-parados-galegos-percibe-prestacion-por-desemprego/

No hay comentarios:

Publicar un comentario